O pasado 10 de febreiro deste 2021 cumprianse 606 días desde o 15 de xuño de 2019, data na que o actual alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, foi nomeado polo pleno como alcalde para o seu segundo periodo ao frente do Concello. Que ten de especial esa data? estaredesvos preguntando, pois 606 días son xustamente o periodo no que eu fun alcalde, entre o 17 de outubro de 2017 e o 15 de xuño de 2019, data na que o meu antecesor de convertiu no meu sustituto.
Xa o teño dito en varias ocasións, a cidadanía de Tui tivo un mandato claro e contundente, quería que fose alcalde quen xa o fora até o 17 de outubro de 2017. Tamén teño dito, pero volto a repetilo, que non teño maior lexitimidade para opinar que calquera outro cidadán e que a día de hoxe non son tampouco a voz máis autorizada en C21 Tui. E ter sido de lonxe, o alcalde menos votado da historia contemporánea de Tui, quítame a lexitimidade política, pero non me ten porque obrigar a estar calado de por vida.
Ainda que teño pasado páxina de forma moi satisfactoria e estou atento á familia e satisfeito co meu proxecto como emprendedor. Non obstante sí que sinto a necesidade de deixar clara a miña opinión a respeito dalgunhas cousiñas. Evidentemente a opinión popular non é coincidente coa miña, pero iso non anula o meu direito a dicir o que penso. O que penso é que o meu periodo na alcaldía foi produtivo, coido que o máis produtivo de todo o periodo democrático se o tomamos en relación á sua duración, que foi moi curta.
Non é o obxecto deste artigo facer unha valoración en profundidade dos meus predecesores, pero podo dicir que hai alcaldes como Gelucho e Capón que teñen algúns logros importantes, especialmente o ensanche executado polo primeiro, pero foron alcaldes durante periodos moito maiores. Gelucho oito anos, dous mandatos completos de 1979 a 1987, e Capón case sete anos. De maio de 1991 até a moción de censura de febreiro de 1998.
Os 606 días do segundo mandato de Cabaleiro permiten comparar os meus logros cos seus, non me vou desgastar en relatar con detalle as cousas que eu levei a termo, hai duas en particular das que me sinto especialmente satisfeito porque sei o traballo que me deron, a abertura da rúa Ourense e a entrada de Tui na Rede de Xuderías, hai moitas máis cousas, tamén hai moitas que iniciei e que non me deu tempo a levar a termo, a título anecdótico menciono duas, o irmanamento de Tui cunha cidade irlandesa e o establecemento dunha empresa importante que quería establecer unha ruta navigable no río cunha embarcación eléctrica, desde Tui río abaixo.
O contexto dos governos.
Coido que convén facer unha breve anotación sobre o contexto que rodeou a ambos governos.
Contexto Governo Cabaleiro.
Governo bipartito en maioria
Covid, que salvo para servizos sociais, quitou presión administrativa no Concello.
Oposición moderada e constructiva.
Paz xudicial.
Unha prensa, en xeral, afin.
Contexto Governo Padín
Governo tetrapartito en minoria
Paramos, brutal presión administrativa, política e xudicial sobre o Concello.
Oposición extremadamente agresiva.
Tres denuncias xudiciais e ante fiscalía procedentes do ámbito da esquerda política, deportiva e funcionarial.
Unha prensa, en xeral, hostil.
O eleitorado toma as suas decisións por moitos factores, os emocionais teñen moito peso. Unha derrota deste calibre nunca se explica só por factores exóxenos, hai erros propios importantes.
A derrota do reformismo
En todo caso sí creo que a miña derrota foi a derrota do reformismo, coido que o temor aos cambios por parte de moitos sectores da sociedade tudense fixeron que se xuntase unha alianza moi forte en torno ao candidato do statu quo. Cabaleiro concitou apoios moi variopintos en sectores da esquerda e da dereita, tanto urbana como rural. Penso que foi así porque moitos sectores viron nel a garantía de que as relacións de poder no Tui de sempre non mudarían sustancialmente, houbo máis factores, desde logo, pero este foi central.
Varios lobbies, que non ven ao caso mencionar agora, viron na miña persoa unha ameaza. Eu traballei para lograr transformacións profundas, moitos percibiron un risco e moveron o que puideron para derrotarme, o seu éxito foi rotundo, pero non o fixeron precisamente polo ben común e a prosperidade xeral de Tui.
Eu iniciei as transformacións que se necesitaban para revivir ao moribundo, pero o moribundo preferiu que o deixasen tranquilo e morrer en paz. Moitos se queixan nos bares e no facebook pero (case) ninguén está disposto a atacar de raiz as causas do declive de Tui e incluso rechaza que outros o fagan. Cando se chega ao nivel de degradación ao que chegou Tui xa nada é indoloro.
Moitos tudenses sentían rexeitamento ante a posibilidade de que eu puidese continuar sendo alcalde e non o tiñan porque eu fose un corrupto, un incompetente ou un lacazán, senón porque ideoloxicamente non son catalogable en ningunha das duas Españas e porque supuña unha ameaza para determinados intereses de parte, daqueles que queren que o orzamento municipal estea ao seu servizo e non ao servizo dunha administración que facilite a prosperidade xeral dunha sociedade.
Os que ven ao Concello como unha vaca leiteira á que muxir en favor de intereses de parte son moitos, e están na esquerda e na dereita. E estes, tanto os de dereita como os de esquerdas votaron masivamente ao PSOE. Sí, resultará paradoxal para algúns, pero un político liberal-libertario foi a mellor garantía de que nengún interese particular pasase por riba dos intereses xerais.
O meu goberno non foi un goberno en contra de ninguén, non fun sectario nen aproveitei o poder para vingarme de ninguén, e desde logo sempre actuei a favor dos intereses xerais de Tui o que me levou a chocar cos malos, iso sí, claro.
Volta atrás ou saldo adiante?
O meu periodo na alcaldía non foi unha volta atrás, como agoiraban os de “Non á moción”, foi todo o contrario, foi un salto adiante grande en pouco tempo que provocou ataques de vértigo a algúns, que viron como os seus privilexios se tambaleaban. E se o dubidan, pensen nas tres persoas que me denunciaron xudicialmente ou en fiscalía e saquen conclusións.
A realidade é tozuda e 606 días despois o corpo pediume afirmar que a miña derrota non foi a derrota do pasado. As eleccións do 19 foron en grande medida a victoria dun pasado transvestido, e foron a derrota do reformismo, do cambio, en definitiva, a derrota dun futuro máis próspero para Tui. Se vostede dubida, bótelle unha ollada aos resultados de Guillarei e de Rebordáns.
E se lles apetece, comparen, quen cren que fixo máis no mesmo periodo? en 606 días.