O 18 de abril de 2019, logramos abrir, despois de 50 anos de espera, a Rua Ourense na sua saida cara o sul.

Vou aproveitar estas semanas para ir deixando testemuña no meu blog dalgunhas cousas relevantes do meu periodo na alcaldía de Tui, hai uns días explicaba a miña situación a respeito do uso que os meus inimigos políticos fixeron da xustiza para tratar de perxudicar a miña imaxe.

O edificio da Área Panorámica gañou moito coa apertura da Rúa Ourense

A apertura da rúa Ourense, sen ser unha obra faraónica, representou un cambio da fisonomia da cidade, a amplitude que un se encontra ao chegar subindo desde Martinez Padín é o dunha cidade de cincuenta o sesenta mil habitantes, tamén e sobre todo, cando se complete a apertura cara a Avenida da Concordia, vai permitir, unha mellora moi significativa da circulación urbana.

Cos resultados das eleccións de maio enriba da mesa e o pésimo resultado que obtivemos, é evidente que a cidadanía non valorou os nosos logros, o que aconteceu coa Rua Ourense merece pasar aos anais da comunicación política, aconteceu algo inaudito, dá toda a impresión de que a cidadanía chegou a crer que unha obra que fixemos nós non foi realmente debida ao goberno en exercicio, algúns preferiron autoenganarse e pensar que era meramente circunstancial que a obra se fixera sendo eu alcalde.

Brincadeira dunha comparsa do Entroido, que se mofaba da longísima espera que foi necesaria para ver a rúa aberta

As ducias de “enxeñeiros de camiños” que apareceron durante os meses de execución da obra, que proferiron opinións do mais variopinto e divertido, dixeron por exemplo que os aparcamentos estaban ao revés, por descoñecer o que era un aparcamento en espiga, os difamadores que dixeron que o PP, para poder gobernar en conxunto, me sobornara directamente ou co ofrecimento de postos, tamén dixeron que as pedras das casas demolidas estaban nunha finca miña en Lugo, para todas as partes negativas, na sua practica totalidade provenientes da ignorancia ou da difamación, sí que resultaba eu o único artífice da obra. 

As seis da tarde do 18 de abril de 2019 pasou o primeiro coche polo novo tramo

O que importa agora e importou antes é a miña conciencia, e esa teñoa moi limpa, tamén importa unha certa xustiza histórica, hai moito interese en borrar a miña etapa, sobre todo porque se sabe, que pese á sua brevidade, foi moi positiva para Tui, representou un salto cara o futuro moi importante, cando menos nalgúns aspectos e portanto, espero que o meu blog serva de referencia aclaratoria nalgúns asuntos.

Sen dúbida un dos fitos máis destacados da miña etapa á frente do Concello de Tui foi lograr executar a apertura da Rúa Ourense na sua saida para o sul, ao coincidir co periodo eleitoral non se puido facer unha inauguración, e a prensa, enfin, o Faro de Vigo, ante a obra mais agardada en Tui nas últimas décadas, dedicáballe o mesmo espazo que a calquera anécdota sen importancia das que a diario reflicte nos seus breves (breve no Faro do 18/04/2019), La Voz de Galicia, nen iso. 

Un dos moitos memes e brincadeiras que se fixeron a conta da apertura da rúa

Escoitei a algunhas persoas maiores dicir que xa se falaba desa obra nos anos 60, hai máis de cincuenta anos, pero o primeiro proxecto para executar a apertura da rúa foi encargado polo alcalde Rocha, nos últimos meses do seu longo periodo na alcaldía, en 2011, ao mesmo enxeñeiro que redactara o PXOM que entrou en vigor ese ano, xa no 2016 o goberno anterior ao noso (o tetrapartito de PSOE, BNG, ATT e Marea) encargou ao mesmo enxeñeiro a actualización do proxecto.

Enrique Cabaleiro, chegou a dicir en outubro do 2015, sendo alcalde, que a rúa se abriría a finais do 2016, en outubro do 2017, cando deixou de ser alcalde, ainda estaba moi lonxe de abrir a rúa, parte importante dese retraso (como case todos os retrasos acumulados que leva Tui nas duas úlitmas décadas) debeuse ao departamento de urbanismo, que non lle tramitou as expropiacións, ese mesmo departamento que o PSOE cre que non precisa unha auditoría, ante este panorama os socialistas tomaron a decisión de subcontratar as expropiacións a unha empresa externa, decisión atinada pero tardía e que supuxo o retraso de máis dun ano en todo o proceso.

Ao meu goberno correspondeulle seguir e impulsar toda a tramitación, primeiro completamos o procedimento de expropiación, a asinatura das actas de ocupación e posteriormente as de desaloxo por parte dos propietarios, procedimento que non estivo exento das suas complicacións e dificultades, entre outras cousas, as inevitables tensións cos afectados e a incredulidade con respeito a que unha obra da que se levaba décadas falando fose finalmente a ser executada. 

Despois houbo que voltar a dotar o crédito para a obra, posto que o do 2015 xa tiña caducado, houbo que agardar a abril do 2018 para facer a dotación de crédito, porque primeiro había que completar a liquidación orzamentaria do exercicio do 2017, unha vez pasados todos os prazos xa se puido iniciar o procedimento de licitación en base ao proxecto do 2016 que presentaba carencias significativas, o que obrigou a encargar un proxecto modificado a unha enxeñaría (consulta a presentación do modificado). 

Falando na obra coas técnicas do Instituto Tecnóloxico da pedra que estiveron supervisando a calidade do material

Como se pode ver a simple vista, na imaxe que poño a continuación, o modificado introduciu grande cantidade de melloras, o proxecto do 2016 practicamente ignoraba o tránsito peonil, incluindo un único paso de peóns moi alonxado da rotonda, penalizando moito o tránsito dos viandantes en pleno centro da cidade, o modificado de 2019, resolveu con grande acerto a dificil convivencia nun espazo tan reducido do tránsito rodado co tránsito peonil, e como se viu despois da apertura da rúa a convivencia de ambos é moi acertada e fluida, trás o inicio da obra tamén se constatou que o sustrato do chan era arxiloso, portanto o paquete de soporte do asfalto tivo que ser reformulado. 

Comparativa do proxecto do 2016, e do modificado do 2019 encargado polo meu goberno.

Outro cambio fundamental que viña a resolver o modificado encargado por nós foi o de contemplar toda a área entre o vial e o edificio da Área Panorámica, que de non ter sido polo modificado tería acabo convertido nunha lameira pendente dalgunha solución. 

O xardín e o paseo incorporaronse no modificado que encargamos nós.

A oposición municipal, demostrando falta de interese na prosperidade de Tui, buscou desde o principio forma de paralizar a obra, pensaban, igual que nós, que podería ser determinante nas eleccións, todos estabamos equivocados, actuaron inmoralmente tratando de manchar a miña honra, optaron por lanzar sombras de dúbida sobre os materiais valiosos das casas demolidas, a pedra e forxa, dando a entender que iso se estaba xestionando non só mal, senón con intencionalidade corrupta.

A oposición, através do concelleiro de En Marea, mesmo me denunciou ante a fiscalía por unha presunta irregularidade na adxudicación da obra, relacionada, segundo a esquerda, cun posible chanchullo coas pedras das casas que se demoleron para poder facer a obra, a inmoralidade da esquerda tudense e o propósito difamatorio fixo un dano político dificil de cuantificar, pero non tivo percurso legal e a fiscal arquivou a denuncia. 

A xestión de residuos fíxose segundo o contemplado no proxecto do 2016 e baixo a supervisión e dirección do Director de obra, que foi o arquitecto municipal, a oposición queixouse durante a obra de que esas pedras non quedaban para o Concello, o que non dixeron é que iso era así por non  telo contemplado no proxecto que encargaron eles no 2016, sen embargo foi un acerto, ainda que polo visto, un acerto involuntario, eses residuos valiosos ao pasar a ser propiedade do contratista o que fixeron foi abaratar a obra.

Os licitadores axustaron as suas ofertas descontando o valor estimado deses residuos que teñen valor, non en van, dun orzamento de licitación de 314.000 € a obra foi adxudicada por 220.000 €, supondo un aforro para os contribuintes, as ofertas das empresas concorrentes eran moi próximas entre elas, o que xa desmontou, a ollos da fiscal, o xogo suxo da esquerda local. Esas pedras e esa forxa supuxeron que os contribuintes tudenses aforrasen o seu valor.

Video que reflicte un momento da demolición das casas.

En relación á rotonda o espazo é innegablemente moi limitado, como consecuencia do plantexamento que fai o PXOM do 2011, nós só podiamos facer nese sentido o que nos determinaba o PXOM en vigor, conscientes da problemática, estudouse a fondo e no modificado que encargamos nós introduduciuse a preinstalación semafórica por se a rotonda finalmente non funcionaba.

105 días despois da posta en funcionamento da rotonda podémonos felicitar, porque dada a escasez do espazo, chegouse a un excelente compromiso entre o tránsito peonal e rodado, incrible pero certo, a rotonda funciona francamente ben, e houbo unha mellora moi importante tanto para a circulación como para os peóns e non foi por casualidade, senón polo traballo realizado no 2019 polo equipo técnico baixo a nosa dirección. 

A rotonda no día da apertura da rúa