Ao longo do meu periodo na alcaldía de Tui mantiven un contacto bastante estreito con dirixentes da Xunta, nunca foi certo, como se dixo moito na rúa nos días da moción de censura, que eu xa tiña pactado o meu ingreso no PP nun posto relevante, nen que o PP me sobornara dunha ou doutra maneira, o único que houbo foi unha negociación política, na que eu levei a iniciativa desde o principio, establecendo as condicións e compre admitir que o partido que goberna a Xunta fixo un esforzo grande por cumprilas, posto que entendía que Tui era unha peza clave no taboleiro provincial.

Foto dos oito membros do goberno que tivemos continuidade nos 20 meses. Aqui na presentación das Festas de San Telmo do 2018

Desde que en decembro do 2016 lles comuniquei persoalmente aos Señores Rocha, González (Rato) e Sousa que pediría as suas demisións para pactar un cambio de goberno, até outubro de 2017 no que se concretou ese cambio, pasaron dez meses, demasiado tempo, ainda que debo dicir que eu no nadal do 2016, non lle daba máis dun 5% de posibilidades de éxito á operación posto que as condicións eran durísimas; a alcaldía para C21 e as demisións, inicialmente tamén a de Castro Negro, que despois foi a única cesión miña na negociación.

Antonio Castro Negro, primeiro tenente de alcalde e voceiro municipal do PP, foi un compañeiro leal e a convivencia entre ambos foi boa, esa convivencia estivo baseada nun grao de autonomía moi amplo que nos concedimos mutuamente, é evidente que hai un abismo entre a cultura política e o modus operandi dun integrante do sector da boina, como cariñosamente me refería a él, e un liberal, seguidor da escola austríaca, como eu. Debo dicir que desde dentro non me torpedeou en nengún momento o que explica a extraordinaria productividade dos nosos vinte meses de goberno.

Tourís, Rueda, Castro e eu comparecendo ante os medios despois dunha xuntanza monográfica sobre Paramos.

En relación ao que vaticinaba a esquerda tudense nas conversas de rúa, desde a sua tan habitual superioridade moral, sobre a miña futura aterraxe no PP, pois nunha houbo nada, entre C21 e o PP houbo, en xeral, respeito mutuo e lealdade entre socios, pero nunca houbo flechazo, o PP galego é hoxe, segundo o meu punto de vista, unha máquina de poder con pouca consideración aos principios, moi moderado, de praxe absolutamente socialdemócrata, atrapado nas areas movedizas da corrección política, e sen nengún tipo de firmeza ideolóxica perante a esquerda, escribín un artigo no xornal El Español ao respeito.

Sendo plenamente consciente de que permanecendo en C21 tería dificil seguir sendo alcalde e imposible facer carreira fóra de Tui, preferin ser leal aos meus principios, non obstante, e como socio, o PP foi unha opción moi interesante, posto que a sua laxitude nos principios fixo relativamente fácil levalos polo bo camiño, o camiño da liberdade, de feito o acordo programático foi case na sua totalidade proposta de C21.

Coa conselleira Ángeles Vázquez, na data do 40 aniversario do parque natural do Monte Aloia

Que eu saiba foi a primeira vez que un acordo de goberno local se sustentou nun acordo programático, e non só en Tui, ainda que case nunca se recoñeceu e poucas veces se entendeu, o comportamente do C21 foi un referente de boas prácticas en moitos aspectos, algo inusual, moi infrecuente en política, por exemplo o pacto do 2015 entre PSOE, BNG, ATT e En Marea, careceu dun acordo programático o que explica a parálise posterior.

En relación aos dirixentes autonómicos, a relación foi bastante frecuente e estreita co delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e co Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, moi intensificada a raiz da boa colaboración que a institución autonómica prestou, através do IGVS, para paliar as terribles consecuencias da explosión de Paramos do 23 de maio do 2018.

Só vivin un episodio de tensión con eles, a raiz da miña negativa a integrar a José Prada no goberno municipal, como xa lles deixara claro durante a negociación, advertiuseme de que o PP abandonaría o goberno local se non cedía, como xa sabemos agora, non cedín e o PP non deixou o goberno.

Eses reiterados intentos de deixarme como a un individuo sen escrúpulos e sen principios chocaron e seguirán chocando coa realidade, non só algunha xente da esquerda ten lealdade aos seus principios e compromisos, é verdade que desde unha óptica meramente pragmática, a firme adhesión aos meus valores non me xerou nengún beneficio persoal, pero dos meus pais aprendín que a honestidade é sempre o primeiro.

Antonio Castro Negro, primeiro tenente de alcalde, Alberto Núñez Feijoo e eu, percorrendo a zona afectada pola explosión do 23 de maio en Paramos (foto ABC)

Un asunto no que houbo unha excelente colaboración foi no outorgamento da licenza para a rehabilitación do antigo ambulatorio e a sua conversión no novo edificio dos xulgados, a Xunta tivo que emitir un informe xurídico que levantase as trabas que puña o informe xurídico da Técnica de Administración Xeral do Concello, algún concelleiro da oposición preguntaba reiteradamente sobre o asunto, desexando que se puidese impedir a construcción dos novos xulgados, o esforzo conxunto entre a Xunta e o Concello fixo posible arrancar ese proxecto.

Con responsables da Xunta o 30 de xaneiro, no comezo das obras da rotonda da Veiga

Outras obras que formaron parte do acordo programático foron a rotonda da Veiga que foi inaugurada este mes de agosto e o impulso á conexión do polígono de Areas coa VAC Tui – A Guarda. Podemos dicir sen temor a equivocarnos, que desde principios dos noventa, co grande edificio da Área Panorámica a Xunta non investía tanto en Tui e fixoo grazas a unha coxuntura política favorable aproveitada habilmente por C21 en beneficio de Tui.

Cando un pensa máis na localidade que goberna que nos seus intereses persoais, podense lograr moitas cousas, o 19 de setembro do 2018 recibiume Alberto Núñez Feijoo, tanto Faro de Vigo como Voz de Galicia ignoraron o encontro, tendo en conta o pouco habitual que é un encontro bilateral entre un alcalde de Tui e o presidente da Xunta, indica ben ás claras que os medios dominantes na nosa zona estaban interesados en evitar a miña reelección.

Nese encontro tratei co presidente asuntos relacionados con Paramos, cos investimentos pendentes da Xunta e coa asunción por parte da Comunidade Autónoma das instalacións do Centro Interfederado de Remo e Piragüismo.

Encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o 19 de setembro de 2018