Toda a vida lembro escoitar a mesma acusación: “os políticos son uns mentireiros”, é verdade que é o sempre fácil simplificar e acusar a todo un grupo de determinados defeitos, pero e se fose certo que os políticos teñen unha propensión moi forte a mentir?

Poñamos un exemplo, se un político di que o sistema de pensións español é unha bomba de reloxiaria que vai camiño de estoupar pola sinxela razón de que cada vez hai máis pensionistas e cada vez hai menos afiliados á Seguranza Social, e que só caben duas solucións sustentáveis, baixar as pensións ou retrasar ainda máis a idade de xubilación ou unha combinación de ambas, que pasaría, recebería unha ovación pechada por dicir a verdade? fervería o facebook aplaudindo a ese político por ser honesto e dicir a verdade para que o problema non se faga ainda maior?, os mesmos que din que todos os políticos son uns mentireiros sairian en defensa dese político por ter sido honesto?.

Pero por se este non convence poñamos outro exemplo, se un político local en Galicia chega a unha parroquia e di que non é sustentable economicamente que cada parroquia teña un campo de erba artificial, que cres querido leitor? que a cidadanía das parroquías que non teñen campo de cespede artificial, aplaudirían a ese político pola sua responsabilidade e sinceridade?. E se despois chega outro político e vai dicindo en todas as parroquias que teñen que ter o seu campo de futbol e que el vai facelos se chega a alcalde?. De quen falarán ben? do mentireiro ou do sincero?, cantos votarán ao sincero e cantos ao mentireiro?

Pero poñamos outro exemplo, por se este tampouco convence, imaxinemos que un responsable político non ten nen idea de como xestionar unha pandemia, e sen dicilo abertamente simplemente tira de humildade e di que un tema moi complexo para o cal non hai un libro de instruccións, recibiría moitos aplausos ou unhas críticas exacerbadas?.

Non vou ser eu quen negue que os políticos menten con moita frecuencia, pero quizá sería interesante tentar entender porque un grupo moi amplo de persoas e no que, portanto, hai individuos de todas as ideoloxias, hai individuos corruptos pero tamén os hai honrados, hai liberais, comunistas, falanxistas, socialdemócratas e democratacristáns, entre outros ideiais. Porque un grupo de persoas tan variopintas tende a mentir?, como se explica?

É probable que os cidadáns de ideas máis totalitarias e portanto máis dogmatizados, tendan a pensar que só menten os seus adversarios, os que non comparten o seu dogma, pero a percepción xeral na sociedade é que o político tende a mentir independentemente das suas ideas.

Naturalmente ninguén gosta de que lle mentan, os cidadáns e os votantes tampouco, pero tentemos aprofundar un pouquiño máis, eu como ex-político e como politólogo concordo en que os políticos, en xeral, menten con frecuencia, pero porque adoptan un comportamento inmoral. Simplemente porque son inmorais, sen máis?, pois teño que mostrarme escéptico.

A miña opinión é que os políticos tenden a mentir por mera sobrevivencia, razoemos un pouco, que quere o político?, o voto, non?. Hai algún indicador que nos faga pensar que son os políticos máis sinceros os que máis votos obteñen? ou máis ben será todo ao contrario e serán precisamente os máis honestos os que cavan a sua tumba política con velocidade de vertixe?.

Canto menos se minte en política máis se achega un político ao seu fin e non porque os cidadáns gosten de que lles mintan, pero sí que gostan de oir cousas agradáveis e non gostan de oir cousas desagradáveis, tan sinxelo como iso. Obviamente cando un político pode dicir unha verdade agradável repetiraa encantado moitas veces, pero que pasa cando unha verdade é desagradável e a disxuntiva pasa a ser, ou ser sincero e perder o apoio dun grupo (maior ou menor) de votantes ou mentir para conservar ou obter eses apoios??.

A resposta é obvia, o cidadán non quere oir cousas desagradáveis por moi verdadeiras que sexan, porque ademáis outros políticos virán a dicir que a verdade é mentira, pasando a ser o mentiroso o que reciben un caloroso aplauso por negar que a cousa desagradavel é verdade.

En realidade a xente quere oir cousas reconfortantes dos seus políticos, e claro, as cousas reconfortantes moitas veces son mentira. Coitado do político que evite mentir e se dedique a decir verdades ainda que moitas veces sexan incómodas, algúns sabemos ben o que lles pasa a ese tipo de político.