Estes son os argumentos que non puiden expor no pleno ao retirar o alcalde o punto da orde do día sobre a integración de Tui na Área Metropolitana de Vigo:
Estamos fundamentalmente ante a creación dalgo moi parecido a unha nova deputación, é dicir, acabamos de votar neste mesmo pleno a iniciativa de C21 que compre suprimir a Deputación de Pontevedra e antes de que isto teña algun viso de se realizar pretenden algúns que nos integremos noutra deputación, neste caso de Vigo. É dicir estamos pretendendo dar un paso na mala dirección, sen ter asumido a necesidade da fusión de municipios nen a necesaria supresión das deputacións queremos crear outro chiringo co inevitabel incremento de impostos que conlevará.
Un novo chiringo que só achega ineficiencia, xa que crea unha nova estrutura administrativa, que suporá unha carga adicional para os contribuintes de Tui sen xerar emprego en Tui, senón en Vigo, os contribuintes de Tui financiariamos unha estrutura que, non nos enganemos, estará baixo absoluto control do concello de Vigo, calquera que se moleste en ler a lei e as suas recentes modificacións , poderá constatalo, a AM estará ao servizo dos intereses do concello de Vigo e do seu gobernante de turno, e ainda que é innegable que a Area Metropolitana é unha realidade económica, trasladala ao ámbito político non achega eficiencia por ningún lado, calquera beneficio en economias de escala será absorbido polos custos fixos administrativos e políticos que Tui tería que financiar en función da sua poboación, acabamos de velo os tudenses coa integración no Consorcio do Louro, en política a creación de novos chiringos implican sempre aumento de custos para os contribuintes ou receptores do servizo.
Desde un punto de vista político a integración na AM supón pasar a ser un barrio ou parrroquia de Vigo, cun forte aumento da carga fiscal que se faría inevitable, entrar na AM sería un erro histórico, xa que iniciariamos o proceso de igualación fiscal con Vigo, e igualación á alza para poder financiar os servizos da AM. E onde quedaría a tan manida autonomía local, en auga de castañas. Compre lembrar que Vigo poderá aprovar calquera decisión na AM co apoio de tan só tres concellos, poderá portanto tomar decisións lesivas para Tui financiadas con diñeiro dos tudenses con absoluta comodidade. Ate tal punto está previsto as dificultades dos concellos en pagar a sua pertenza á Area que a propia lei contempla a confiscación or parte da AM das axudas non finalistas da Xunta que vaian destinadas aos concellos en caso de que estes teñan débedas coa AM.
En relación á integración no transporte metropolitano é un engañabobos, abarátase o billete aos utentes pero compre preguntarse a cambio de que, obviamente como sempre, trasladandolle o custo aos contribuintes, os políticos intervencionistas só falan da parte bonita e ocultan o resto, compre facer un apuntamento para que saibamos a enorme metedura de pata que suporía entrar na Area Metropolitana picando no mortifero anzol do suposto abaratamento do tansporte, o concello de Vigo bonifica anualmente a VITRASA por valor de case doce millóns de euros, se temos en conta que Tui representaria aproximadamente o 3,4 % da poboación da Area o concello de Tui pasaría a cubrir uns 408.000 € ao ano dese défice, ao que habería que sumarlle o défice do transporte interurbano que tamén pasaría a estar subsidiado, é dicir, para que algunhas persoas se beneficiasen dun desconto nos billetes de transporte os contribuintes tudenses teriamos que achegar non menos de 700.000 € ao ano o que inevitablemente comportaría unha suba forte e xeneralizada de taxas e impostos municipais que pagariamos todos, incluido os que nunca collen o ATSA nen o VITRASA.
Ademáis o abaratamento artificial do transporte contribue a incrementar o efecto succión de Vigo sobre a actividade económica de Tui, por exemplo, se o o transporte sae máis barato e non por unha lóxica de mercado senón porque está fortemente subsidiado estamos por exemplo, creando incentivos a comprar máis en Vigo e menos en Tui. O colmo dos absurdos, estariamos pagando para que Vigo nos quite actividade económica, nomeadamente comercial. Delirante!
O alcalde de Tui ten mencionado a conveniencia da conexión ao suministro de auga de Vigo o que no marco da AM implicaría automaticamente pasar a estar sometidos ao réxime tarifario do abastecemento en alta dos encoros de Eiras e Zamáns, o que implicaría unha forte subida do recibo da auga.
Compre lanzar unha mensaxe clara urbe et orbe, Tui aspira a ser centro da sua propia Area Metropolitana, que xa existe e chámase Eurocidade Tui-Valença, esa ten que ser a nosa aposta, de relación en termos de igualdade con Valença, dunha eurocidade que debe, desde a humildade pero tamén, desde a ambición competir con Vigo e xamais subordinarse a Vigo.
Tui non debe acabar sendo algo semellante a unha entidade local menor de Vigo por moito que os partidos representados no Parlamento Galego estean interesados en incrementar gasto público e impostos. Podemos continuar porque a cantidade de argumentos en contra do ingreso de Tui na AM de Vigo é moi longa, a AM aspira a xestionar o turismo, é que alguén se cre que desde o departamento de turismo da AM alguén lle ia dicir aos turistas potenciais ou reais que o casco histórico de Tui é moito máis valioso que o de Vigo?? de que falaría a AM, das Cies e da ría de Vigo ou do Monte Aloia e o Rio Miño?
É que o miremos por onde o miremos, a entrada na AM representa a asunción dunha subordinación total de Tui a Vigo e ainda por riba con elevados custos para os contribuintes tudenses que pagariamos pero non decidiriamos absolutamente nada ao estar garantido un manexo das decisións absolutamente cómodo para Vigo ao contemplar a lei que Vigo só precisa o apoio de tres concellos para aprovar o que desexe.
Por dignidade e por eficiencia económica Tui debe pronunciar un non rotundo á versión política da AM de Vigo. A realidade económica e demográfica da AM de Vigo está ai, pero non debe ser deturpada desde o ámbito político. A entrada na AM de Vigo hipotecaria de forma clara e profunda as nosas posibilidades de prosperar como cidade.