É sabido que todas as accións humanas responden a unha motivación, algo que nos move a facer o que facemos, por exemplo traballamos ou ben porque esa actividade nos fai sentir ben e/ou porque o precisamos para cubrir as nosas necesidades de aloxamento, alimentación, sanidade, educación ou diversión.

Particularmente na política podemos ver varios tipos de motivación, os que nos diriximos á política con verdadeira vocación de servizo aos cidadáns e ao noso País facemolo motivados pola nosa ideoloxía, temos unha determinada idea de cara onde consideramos que debe camiñar a sociedade á que diriximos a nosa mensaxe política, ofrecemos un determinado curso de acción á sociedade que será a que posteriormente decida democraticamente se ese curso de acción, se ese camiño que se lle propón lle resulta máis ou menos atractivo que os camiños alternativos.

 

Somos, polo tanto, idealistas, xa que son as nosas ideas as que nos incentivan a actuar politicamente, os idealistas queremos chegar ao poder para aplicar as ideas que nos moven a actuar, non concebimos ao poder como un fin en si mesmo, senón como un medio para chegar a un fín, que é o da aplicación da nosa ideoloxía a través dunha serie de políticas públicas que consideramos que crearán unha sociedade máis rica no material e no espiritual.

Pero desgraciadamente as ideas non son a única fonte de motivación para todas as persoas que están implicadas na actividade política, desgraciadamente na política non hai só idealistas, é máis, os idealistas somos probablemente minoria, hai outros aos que lles motivan máis os intereses económicos, e hainos mesmo, como o alcalde de Tui, que se dedican a perseguir exclusivamente o seu beneficio persoal, o lucro, o poder polo poder, baixo o paraugas protector do Partido Popular, esta clase de persoas non están nos cargos públicos para traballar pola sociedade, non están en política para servir aos cidadáns, só están ao servizo deles mesmos.

Como idealista reinvidico a importancia dos valores e dos principios e como liberal considero lexítimo, positivo e necesario nunha sociedade o ánimo de lucro dos individuos e un valor que debemos ter claro como demócratas é que o enriquecemento persoal só pode ter como escenario o desenvolvemento dunha actividade na empresa privada nun entorno competitivo onde os contratos e os negocios se fagan por intelixencia e traballo e non por favores, o uso da administración pública financiada cos impostos de todos, para o lucro indirecto dos responsables políticos ou de pseudoempresarios que viven do favor supón unha conduta despreciable e que nos empobrece a todos material e espiritualmente sen que lle importe nen a conservadores nen a socialistas que non toman medidas para frear a crecente vaga de casos de corrupción nas suas filas.

 

A administración pública, desde o papel subsidiario que defendemos, ten que se centrar en xerar o marco e as condicións máis favorables para que a iniciativa privada floreza, infraestruturas, sanidade, educación, contención da presión fiscal, axilidade administrativa para non paralizar a actividade económica como acontece en Tui, etc.

Alguén que considera o idealismo como algo negativo teria, inmediatamente despois que explicar cales considera que deben ser as motivacións para dedicarse á actividade política, o rencor?, o enriquecemento persoal ilícito?, o medre social?. A quen considera negativo e síntoma de inmadurez o idealismo gustaríame preguntarlle cales cre el que deben ser as motivacións para decidir implicarse en política.