O 4 de maio de 2009 o Ministerio do Interior inscribiu a Converxencia 21 como partido político, desde o verán do 2008, un pequeno grupo de persoas de toda Galicia estábamos inmersos no traballo previo á fundación do partido; búsqueda de apoios, a redacción dos estatutos, todos os trámites necesarios para dar de alta o partido, visita á notaría, etc

Eu tiña en mente desde o momento fundacional que me presentaría ás municipais do 2011 en Tui, sendo plenamente consciente de que era un perfecto descoñecido despois de ter pasado moitos anos fóra, era sabedor de que para obter representación cun partido sen tradición e sendo un descoñecido precisaba traballar con un par de anos de antecedencia, para ter opcións de obter representación.

Aproveitei o verán do 2010 para percorrer cada parroquia aproveitando as festas parroquiais, tiña algúns apoios en Tui, moi poucos, pero algúns había, sen embargo ningún disposto a acompañarme a repartir o folleto ás parroquias, como ir só non era o ideal a efeitos de presentación, logrei que me acompañaran membros do partido, procedentes para a ocasión, doutros lugares de Galicia, compre recoñecer que ao éxito relativo de C21 en Tui, contribuiron de forma digna de mención, o apoio da pequena, pero moi profesional estrutura, que C21 logrou establecer en toda Galicia.

Tamén contribuiron, sen dúbida, todas as persoas que integraron as listas nas diversas candidaturas; evidentemente non todos no mesmo grao, pero sería un labor imposible porse aqui a clasificar a achega de cada un deles, en calquera caso, estoulle agradecido a todos eles.

No verán do 2010 na Festa da Virxe do Camiño, en Rebordáns, presentándome ante os viciños.

Nas eleccións do 2011 obtivemos unha acta de concelleiro que ocupei eu, o PP obtivo maioría absoluta, con Moises Rodríguez Pérez como alcalde, foi un mandato moi anodino no que o propio alcalde non tratou de revalidar o seu cargo no 2015, coido que fixen un papel digno pero non especialmente destacado na oposición, onde o partido de Miguel Ángel Capón, o PSOE e o BNG tiñan mais presenza que C21 e sobre todo, mais redes á hora de obter información.

Noite da pegada de carteis nas eleccións do 2011

Chegaron as eleccións do 2015, e o escenario abriuse enormemente, o PP gañou as eleccións pero con só 4 concelleiros, o PSOE foi segundo con 3 e C21, terceira forza con 2 concelleiros e 1.195 votos. E a partir dai C21 comezou a prestarlle un servizo impagable a Tui, eu comprometinme a non pactar cos veteranos da dereita, informando sempre na campaña, que nós como partido liberal poderiamos pactar co centro esquerda o co centro dereita, pero a estes últimos pedíndolles un proceso de renovación.

Eu puiden xa ser alcalde no 2015, pero fomos leais ao noso compromiso cos cidadáns, no sentido de actuar como factor que forzase á dereita a renovarse, os dous concelleiros de C21 votamos na sesión de investidura a Enrique Cabaleiro como alcalde. O mandato de maioría absoluta do PP entre 2011 e 2015, salvo polo bo papel dun par de concelleiros, deixou o listón moi baixo e iso explica moitas das cousas que aconteceron despois, un desempeño moi xustiño do goberno Cabaleiro 2015-2017, no que non fixeron case nada, pareceu unha maravilla por vir de onde viñamos e pola pasmosa capacidade propagandística da esquerda.

O resultado do 2015 e a posibilidade da alternancia no goberno que se produciu, non tería sido posible sen a presenza de C21, que descapitalizou eleitoralmente ao centro-dereita e usou ese apoio para forzar a sua renovación, primeiro enviandoos ao banquillo no 2015 e xa no 2017 forzando a sua demisión para poder pactar unha coalición de goberno.

C21 foi o factor de dinamización da política tudense que acabou definitivamente coa vella garda, primeiro pondo a Cabaleiro de alcalde, no 2015 e no 2017 forzando aos cabezas de lista das candidaturas da dereita, a dimitir, sen C21 nada disto tería pasado e non se debería esquecer que algunha desas decisións, especialmente a da renuncia á alcaldía no 2015 foi lesiva para os intereses do noso partido, pero fixemos algo infrecuente en política, cumprir as promesas electorais, asumindo a renuncia á alcaldia naquel momento, sendo perfectamente conscientes de que, ao entregarlle a alcaldía ao PSOE, estábamos alimentando a un rival moi forte, como así se demostrou despois.

Sempre puxemos os intereses de Tui, ou cando menos o que nós criamos que era o mellor interese de Tui, por riba dos nosos intereses partidarios, ninguén nolo agradeceu nen naquel momento nen despois, pero como sempre, a nosa conciencia seguiu estando transparente e tranquila.

Ao longo do 2016 fomos observando a forte inoperancia do goberno de catro partidos encabezado polo PSOE, debido a falta de ideas e a disensións internas graves, conflitos que tiveron a capacidade de ocultar á opinión pública, ademais vimos algúns tics de autoritarismo no Señor Cabaleiro e especialmente na sua número 2, a Señora Rodríguez, un auténtico caos na xestión dos departamentos do Señor Alonso e algúns indícios, todavía tímidos, de políticas clientelares, polo que pensamos que tiñamos que activar un cambio de goberno, sempre coa condición inexcusable dunha forte “operación renove” na dereita.

Foron moitos os beneficios da nosa iniciativa, o ano 2017 foi o mais produtivo con moita diferenza do goberno tetrapartido encabezado polo PSOE, e iso tamén foi mérito de C21, a nosa transparencia, dicindo xa en xaneiro dese ano, que estabamos dispostos a facer unha moción de censura, fixo arrancar ao goberno, que pensando que lle podía quedar pouco aproveitou ao máximo eses dez meses, saindo parcialmente do bloqueo interno no que estaban até entón e comezando a facerse fotos os oito xuntos; pura publicidade que ocultaba fortísimas disensións entre o BNG e Miguel Ángel Capón por un lado, e o PSOE e o concelleiro de En Marea, por outro, esa fachada propagandística, tratando de dar a entender que estaban moi unidos, continuou despois na oposición, durante o meu periodo na alcaldía, un erro táctico grave da extrema esquerda, porque iso reforzou a figura do lider do PSOE en detrimento dos partidos subalternos, BNG e En Marea.

Eduardo Freiría, o meu compañeiro de grupo municipal entre 2015 e 2019 atende a unha xornalista portuguesa na cabalgata de reis.

En vinte meses escasos de goberno, liderado claramente por C21, trás a moción da censura, fixose máis, en moitos aspectos, que nos anteriores vinte anos, executamos a obra mais relevante das últimas décadas, como foi a apertura da Rúa Ourense, logramos o maior fito en promoción turística da historia do Concello de Tui, coa entrada na Rede de Xudarias de España, enfrentámonos cunha situación terrible do departamento de urbanismo, despois de décadas de complicidade e silencios intolerables, logramos promover o concurso de ideas para a reordenación da frente fluvial do río Miño ao seu paso pola cidade de Tui, sen dúbida a acción mais potente en décadas, para repensar a cidade.

E podemos continuar; sentamos os pilares dunha organización moito mais eficiente, coa contratación da Relación de Postos de Traballo, a Auditoria Enerxética, o Plan de Emerxencias Municipal, unha nova cartografía, baixamos impostos, impedimos a entrada de Tui na Área Metropolitana de Vigo e un longo etcétera, e todo isto no medio dunha xestión creo que exemplar da terrible catástrofe de Paramos, a maior á que se enfrentou Tui na época contemporanea.

Sí, xa sei o que estaredes pensando, que nos cremos que somos uns fenómenos pero a realidade é que a xente non nos votou, non é obxecto deste artigo analisar porque nos votou moita menos xente da que eu creo que mereciamos, senón describir o grande servizo que C21 lle prestou a Tui nestes anos. Non sei se moitos tudenses compartirán esta opinión, pero eu coido que é un privilexio para Tui ter un partido como C21, practicamente en ningunha localidade galega, diría que española, existe algo similar a C21 e Tui notouno e moito.

Despois do horrendo resultado de maio, con tan só 929 votos, pasando de ser a terceira á quinta forza máis votada, e xunto coa número dous da candidatura, Mila González, asumimos a responsabilidade do rexeitamento popular e fómonos para a nosa casa, deixando a José Manuel Palacín como o noso representante no Concello, o Señor Palacín é un político de fonda raigame liberal e gran categoría humana e política, que non desmerecería no Parlamento galego ou no Congreso dos deputados e estou convencido de que o vai demostrar ao longo destes catro anos.

José Manuel Palacín nun mitin da campaña do 2019.

O meu tempo político en Tui acabou, pero seguimos sendo necesarios, José Manuel e outras persoas van seguir traballando, en democracia a continuidade dos proxectos depende do apoio que receban, Tui trabucariase se non fose consciente da maravillosa ferramenta de futuro, que ten en C21, á sua disposición.