Despois da resaca electoral e vermos o resultado que determinaron os cidadáns de Tui co seu voto xa non vale a pena entrar a analisar estes en profundidade, confirmase a acusada tendencia a votar en clave conservadora, confirmase tamén que a honradez dos políticos non é un determinante importante para o voto, e sobre todo chama a atención o pouco que evolue ese voto, o PP baixa 1200 votos que son recollidos por Diz Guedes, Capón baixa 200 que tamén recolle Diz Guedes, totalizando este último uns 1500. O BNG sobe 200 que son os que baixa o PSOE, quere dicir o bloques de esquerda e direita permanecen completamente inalterados con respecto a hai catro anos o que, desde o meu punto de vista, deixa moi claro que unha alternativa eficaz no futuro ao desaguisado actual ten que pasar por unha opción de centro direita que sexa unha alternativa de verdade, e non só no eslogan da campaña.

REXIME DE PARTIDO ÚNICO

A grave situación de anomalia democrática na que viveu e segue a viver Tui, na que un partido pode paralisar politicamente a unha localidade, é rebeladora dun fallo de base na política tudense, na que un partido monopoliza de tal maneira o poder, que a luita polo poder real non se desenvolve só nas urnas senón que o campo principal de batalla no que se desenvolve a luita polo poder e no seo do partido dominante, ao estilo do vello PCUS (Partido Comunista da Unión Sovietica) ou do PRI (Partido Revolucionario Institucional) de México, quen mande no PP de Tui manda en Tui, esta conclusión é dunha extraordinária gravidade, posto que os partidos que se encontran nesta posición crense con direito a todo, e empeza a importar pouco ou nada se governan ben, mal ou regular e o único que importa é a perpetuación no poder através dunhas políticas parasitarias que impiden o desenvolvimento social e económico neste caso de Tui usando o clientelismo como instrumento.
Isto deturpa completamente os procesos eleitorais, xa que unha parte importante da povoación ve-se inmersa nesta sinistra rede clientelar e vota en función de algo que nada ten que ver con quen ten mellores ideas ou quen o pode facer mellor, co que a determinación da vontade política da cidadania segue vieiros mui perigosos e que fan que, o PP en Tui , o PCUS na antiga Unión Soviética ou o PRI até hai pouco en México teñan patente de corso para facer o que lles pete, e ter garantido o poder por desastrosamente mal que fagan as cousas. O PP, ex-PP, futuro PP, etc levan xa moitos anos a rirse de todos nos e usar Tui como a sua finca particular, os últimos vinte anos da política en Tui son dignos dun vodevil, un alcalde vaise para Santiago a facer carreira, deixa a un compañeiro coa intención de que lle obedeza, resulta que este non lle obedece e decide manobrar para por a outro compañeiro coa axuda do actor convidado (o PSOE), despois resulta que este xa non lle obedece mais e como xa se acabou a carreira en Santiago volta ás orixes para que nada cambie en vinte pico anos. O mais triste é que o público aplaude a función, confunde unha comedia cunha traxedia.

PACTOS POS-ELECTORAIS

Os resultados deixaron un panorama bastante complexo pero ao mesmo tempo completamente previsible, unha alternativa ao PP pasaba por un xuntoiro inviable, alguén se imaxina a Capón gobernando con Diz Guedes, o BNG e o PSOE?, sinceramente penso que ninguén, desde o momento en que AT, BNG e PSOE non sumaban nove o alcalde era Rocha, so faltaba ver como se concretaba iso. T.U.I. consentiu que o pior alcalde da historia de Tui siga a selo, dirannos unha e outra vez que se ian votar a si mesmos, e é verdade que o dixeron por activa e por pasiva, pero o engano non está ai, se o eslogan dunha formación é “La Alternativa para el Cambio” trasmite a sensación intencionadamente ao eleitorado de que a prioridade para ese grupo era que Rocha non continuase como Alcalde, non estamos a falar de calquera alcalde, o que temos é un alcalde indixerible para calquera demócrata e calquera demócrata estaria disposto a usar o seu voto para que este alcalde non o seguise a ser, Diz Guedes e/ou Pepe non usaron o seu voto para impedilo, son cómplices por omisión e politicamente culpables. É mais, puideronlle dar a alcaldia a un dos fillos políticos díscolos de Diz Guedes, Capón, ubicado no seu mesmo espectro ideolóxico pero preferiron que alguén que usa o concello con fins de lucro persoal sexa por catro anos mais o alcalde. Xa que logo parece que o T.U.I. prefire o nepotismo, a corrupción e que Tui siga sumido nunha terrible parálise económica para beneficio de catro amigos en perxuizo dos outros dezaseismil tudenses.
De todos modos o T.U.I pode redimir unha pequena parte da sua grave culpa se comeza a votar nos plenos xunto con AT, BNG e PSOE todas as medidas que tendan a unha maior limpeza dos procesos de contratación no concello, a que haxa un pleno ao mes pola tarde e con restitución do turno de rogos e preguntas, se obriga ao Alcalde, baixo ameaza dunha moción de censura, a admitir as modificacións no plan xeral que solicita a Xunta, e tantas e tantas medidas que en poucos meses nos van indicar a verdadeira natureza do compromiso entre Diz Guedes e Rocha. Se é verdade que non estaba todo precociñado e foi todo un burdo timo precisamente para que nada mudase vamolo saber enseguida. A oposición debe apresentar unha bateria de medidas deste tipo comezando polo pleno mensual pola tarde xa na primeira ocasión. Ainda pode haber unha pequena sombra de dúbida sobre a non honorabilidade de Diz Guedes pero axiña se vai despexar, espero que se esta dubida se despexa negativamente o meu amigo Pepe non afunda os pés na lama e demostre a independencia de carácter da que tantas veces fai gala e que non permita esa pantomima ou se marche para casa, un profesional de éxito como el non precisa enlamarse, espero e desexo que iso o deixe para os que fora da política non serían ninguén.

O FINANCIAMENTO

Se soubesemos quen financia as campañas teriamos moitas mais pistas dos intereses que hai detras de cada candidatura, nos Estados Unidos as doazóns aos candidatos son públicas e non hai límite de gasto https://contribute.hillaryclinton.com/form.html?sc=1 este é un link á paxina da campaña presidencial de Hillary Clinton onde pide diñeiro aberta e publicamente, o PP e o PSOE están de acordo nun modelo mais oscurantista e cínico, marcan un límite de gasto que ninguén respecta nin fiscaliza e non sabemos, por exemplo, quen pode estar interesado en gastar 200.000 € nunha campaña electoral nun concello como Tui e porque gasta esa cantidade de diñeiro, ¿será por idealismo?, ¿será un investimento?, ¿cal é o medio de retorno dese investimento?, ¿os 120 € das dietas dos plenos? ¿ou será o negocio urbanístico?. Se soubesemos quen financia se cadra atariamos mellor cabos e votariamos con mais información.

A INOPERANCIA DA ESQUERDA

A esquerda tudense demostrou, mais unha vez, a sua inoperancia, non sendo capaces de levar a iniciativa para a formación dunha alternativa (¿porque sera que cada vez que uso esta palabra me lembro do mesmo?) nucleada entorno á esquerda, o BNG e o PSOE asumen o seu papel de comparsas na política tudense, o PSOE foi quen puxo na alcaldia a Rocha na moción de censura do 1998 e ainda non deu unha rolda de imprensa para pedir desculpas por ese gravísimo erro histórico, podemos tamén falar de Sousa, do cabeza de lista do PSOE hai catro anos, en fin, o papel e o traballo da esquerda para que en Tui se produza a transición á democracia deixa moito que desexar até a data. Tanto o PSOE como o BNG teñense que convencer que ante individuos como Rocha&Company non valen panos quentes nen cobardias, ainda que é duro e desagradable terse que enfrentar nun lugar pequeno como Tui se non son capaces de o facer é mellor que se dediquen a outras cousas, só unha oposición incisiva pode coadxuvar un cambio en Tui, Capón, ainda que ten capacidade, non sabemos porqué, pero non a fai, vamos ver se os catro da esquerda son capaces. Con alguén como Rocha non se pode coleguear e espero que se lle empece a dar caña, se non seguiran sendo unhas comparsas dos tres Pepés. De continuar así a transición a democracia en Tui pode chegar con 30 anos de retraso , a Galicia chegou con 30 anos de retraso con respecto a España. 1975-2005, espero que non teñamos que esperar en Tui ao 2035. En todo caso a esquerda por si soa non ten capacidade de forzar unha mudanza en Tui e terá que ser un centro direita democrático quen de o empurrón definitivo.