Agora que o Concello vai avanzar pola sua conta na execución do desentullo en Paramos é fundamental facer un pequeno exercicio de memoria, os afectados pola explosión e todos os cidadáns de Tui deben saber con datas e fitos concretos o esforzo que realizou o Concello para obter a axuda do Goberno Central. Eis a cronoloxía:

  • 15/06/2018 O Concello solicitalle por carta ao novo presidente do goberno, Pedro Sánchez, que visite a zona afectada pola explosión, o Presidente non visitou Tui e esta carta non foi respondida.
  • 26/06/2018 O Concello trasládalle ao presidente do goberno através dunha nova carta as peticións principais en relación á Declaración de Zona Gravemente Afectada por unha emerxencia de Protección Civil, entre as que destaca o desentullo, esta carta non foi respondida.
  • 05/07/2018 O Delegado do Goberno en Galicia, recibe ao alcalde na Coruña e dille que eses mesmos días remitirán o expediente ao ministerio para a Declaración de Zona Gravemente Afectada.

 

Dia da xuntanza na Delegación do Goberno en Galicia o 5 de xullo.

 

  • 28/08/2018 Case dous meses despois e ante a falta de respostas o alcalde solicita, como forma de protesta ante a falta de axilidade, acampar ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, petición que é rexeitada pola Subdelegación en base a un informe da policia local de Pontevedra. En anteriores ocasións o Concello de Pontevedra nada obxectara ás acampadas do 15M e dos bombeiros no mesmo lugar.
  • 07/09/2018 O Consello de Ministros aproba a Declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil. Noticia moi importante e positiva que desde o Concello se lle agradeceu publicamente ao goberno.
  • 10/09/2018 Entregamos na Subdelegación o proxecto de desentullo encargado polo Concello, para ir adiantando prazos. Un proxecto de máximos que incluia reconstrucción e sustitución de todos os muros e de todas as demolicións necesarias.
  • 14/09/2018 Javier Losada, Delegado do Goberno en Galicia fai a primeira e única visita até a data dun responsable gubernamental á zona cero, informa de que o Goberno proporá un protocolo entre administración na que o Concello sería responsable da execución do desentullo, desde o Concello manifestamos a nosa reticencia a respeito deste feito porque entendemos que retrasaría moito e pedimos una actuación directa por parte do Estado através dunha empresa pública. A día de hoxe, mais de cen días despois non tivemos nen actuación directa nen proposta de protocolo.
  • 27/09/2018 A Subdelegada do Goberno recibe ao alcalde en Pontevedra e non nos da prazos nen sequera orientativos.
  • 03/10/2018 En vista da falta de información facilitada pola Subdelegación ao non dar nen sequera unha minima orientación de prazos, solicitaselle á ministra de Política Territorial e Función Pública unha entrevista, esta carta non é respondida.
  • 07/11/2018 Un mes despois da xuntanza coa Subdelegada e dous meses despois da Declaración de Zona Gravemente Afectada e ante a falta de respostas o alcalde vai a Madrid para protestar e entregar unha nova carta á Ministra de Política Territorial que enfatiza a paralise que estamos sufrindo na cuestión do desentullo e que o alcalde entrega persoalmente no rexistro do Ministerio o día que vai realizar a protesta co saco de entullo. Un dia antes de ir a Madrid chaman ao alcalde desde o Ministerio para dicirlle que o van recibir e esa mesma tarde cancelanlle a visita.
  • 08/11/2018 Por primeira vez, e xusto un día despois de estar o alcalde en Madrid co saco de entullos, a Ministra remite unha carta ao Concello informando de que o Secretario de Estado de Política Territorial contestará as cartas que quedaran sen resposta.
  • 15/11/2018 Nova carta á Ministra na que se lle solicita que o goberno acometa o desentullo mediante o procedimento da encomenda de xestión através dunha empresa pública como poderia ser Tragsa.
  • 20/11/2018 Chega ao Concello, asinada polo Secretario de Estado de Política Territorial, carta datada no 15/11 onde se admite que corresponde ao Ministerio do Interior propor, nun Protocolo entre o Ministerio de Política Territorial e o Concello de Tui, as actuacións que deben ser articuladas.
  • 28/11/2018 Convocase xuntanza para este día dun Gabinete de Crise para coordenar entre administracións a saida da situación de estancamento que se está a producir en relación ao desentullo, a Subdelegación do Goberno e a Deputación non asisten.
  • 30/11/2018 Carta á Secretaria Xeral Técnica do Ministerio para colaborar nos traballos xurídicos que permitan por en marcha de maneira urxente as axudas aprobadas polo Consello de Ministros do 7 de setembro. Non tendo sido posible, con caracter posterior, poder avanzar neste sentido por falta de resposta da Secretaria Xeral Técnica, esta vía de diálogo segue aberta por parte do Concello.
  • 12/12/2018 Envíaselle carta á Subdelegación solicitando que por favor procedan a concretar compromiso económico do goberno co financiamento do desentullo e xa informando que no pleno do 27/12 se pretende aprobarar o crédito con cargo a fondos municipais. Non se recibiu resposta.

Desde o Concello tentamos todo, fomos institucionais e ante a paralise decidimos protestar, e cando se obtivo algún logro, felicitamos á administración de turno. Non se nos pode acusar de inacción ou de desinterese, todo o contrario

Non obstante e tendo en conta que a paralise actual está xa resultando gravemente lesiva para os afectados, e está impedindo avanzar na recuperación da zona e das vidas dos afectados, o Concello ten o deber de non deixar aos veciños no desamparo e debe avanzar, á vista da cronoloxía mostrada, resulta evidente a falta de interese do goberno central neste asunto.