Quero en primeiro lugar felicitar aos promotores da merecidísima homenaxe que se lle presta a Don Ricardo, estou agradecido e satisfeito de ser o alcalde da cidade de Tui neste momento e poder prestar a miña colaboración persoal e a do concello para que todos recordemos a un gran home.

Como para moitos tudenses da miña xeración, Don Ricardo é unha figura importante, un actor de enorme relevancia nese Tui da segunda metade do século XX e principios do século XXI até o seu falecimento no 2017. Don Ricardo tivo unha presenza relevante ao longo da miña vida, comezando polos albores, xa que foi el quen me bautizou en 1973, ano do meu nacemento.

Poucas veces me encontrei ante alguén que infundise o respeito que infundia Don Ricardo, teño un recordo moi vivo dunha misa de catequese en San Francisco, sendo eu un neno de aproximadamente 10 anos, na que implantou unha nova norma, non era fácil manter o silencio nunha misa con centos de nenos, sí, despois do baby boom dos setenta, na misa de San Francisco das 12 os domingos, eramos centos de nenos, pois Don Ricardo estableceu unha regra, cando el levantase a man todos nos tiñamos que calar, non era só unha forma intelixente de restablecer a orde cando se perdía, o realmente suliñable é que funcionaba ás mil maravillas, e faciao polo respeito que infundía, pola sua lideranza natural. Desobedecer a Don Ricardo era sinxelamente impensable.

Don Ricardo estivo presente na miña primeira comuñón e na miña confirmación, e durante toda a miña xuventude e despois recordo que me saudaba efusiva e amablemente cada vez que me vía, tiña unha mirada nobre, amigable, franca e aberta.

A presenza de Don Ricardo sempre foi reconfortante e acolledora, asi o sentín nun dos piores momentos da miña vida, cando veu a casa para administrarlle a extrema unción ao meu pai, que era un home de fé, que tamén se chamaba Ricardo e que sempre tivo unha excelente relación co seu tocaio.

Don Ricardo estivo na despedida do meu pai Ricardo, e tamén foi quen bautizou a outro tocaio seu, o meu fillo maior, nun momento feliz pero tamén duro por producirse pouco tempo despois do falecimento da miña nai, en cuxo multitudinario funeral estivo, xunto con Monseñor Quinteiro, na catedral. Don Ricardo axudou a facer menos duros os malos momentos e mais agradables os bos, coa seneridade da sua presenza, apoiando na tristeza e achegando espiritualidade na alegría.

Representa para min unha honra e un motivo de íntima satisfacción que fose él quen, durante os últimos anos da sua vida, bautizou aos meus dous fillos, Don Ricardo sempre ocupará un espazo no meu corazón, fomos afortunados por telo entre nós ao longo de tantos anos.

Don Ricardo, o 5 de outubro do 2013, no bautizo do meu fillo Ricardo