O mundo do emprendimento, aqueles que sosteñen coa xeración de riqueza que producen o País, temos que exixirlle ás administracións que simplemente deixen de molestar, é dicir, que tramiten con axilidade todos os elementos administrativos que dificultan o labor do emprendedor,  comezando polo calvario inicial para ter toda a papelada en regra para comezar a operar, como anédota significativa, obter de facenda o rexistro como operador intracomunitario, para poder realizar transaccións con outras empresas da UE demora dous meses.  Tamén se lle debe exixir á administración que pague o que debe aos empresarios e autónomos, e que comecen a cumprir as leis que eles mesmos promulgan, como a lei de morosidade.

 

O sector público na sua desesperación recadatoria e confiscatoria e da man do PP e o PSOE está afogando ao sector privado da economía con subas de impostos, coa sua morosidade, e co seu vantaxismo recadatorio, como no caso do IVA, é tal a voracidade e a ignorancia dos mecanismos de xeración de riqueza  dos que controlan o sector público que están afogando aos que lles dan de comer a eles, xa que é o sector privado o que xera a riqueza que os políticos despois usan para soster o estado de benestar e sobre todo, o benestar do estado, a custa dos demais, polo tanto se temos menos emprendedores, menos autónomos e menos empresas e como consecuencia, menos emprego, as contas cada vez van cadrar pior, o que non nos eximirá de escoitar aos apóstolos do verdadeiro pensamento único nos PIGS (Portugal, Italy, Greece and Spain) dicir que a solución pasa por un maior intervencionismo público, os apóstolos acreditan que o asasino é o médico.

Só nos pode tirar da crise un forte estourido de emprendemento, de iniciativas empresariais de todo tipo, é a única via para a creación de emprego sustentable, e a única via para sairmos desa situación mediante o único camiño viable, a xeración de riqueza, para iso o Estado debe deixar de molestar, é dicir, redimensionarse ao tamaño axustado á escasa riqueza que neste momento somos quen de crear, nomeadamente mediante un redeseño da administración que implique a supresión das deputacións, a concentración de concellos, a eliminación das delegacións do estado e CCAA, mais da metade das embaixadas, reducir o exército á metade do actual; mediante a  simplificación ao máximo toda a burocracia necesaria para emprender, a baixada de impostos e eliminación de subvencións que son fonte de corrupción e ineficiencia e fomentar a capitalización do desemprego por parte dos desempregados para financiar os seus proxectos.

 

Pode ser dunha dramática inxenuidade crer que políticos intervencionistas (todos os que teñen poder nos PIGS) e burócratas se van decatar de que son o verdadeiro lastre deste País, pero a única solución aos nosos problemas económicos pasa precisamente porque se decaten ou porque fagamos politica e intelectualmente que se decaten, non vai ser tarefa fácil, a política está dominada por persoas que carecen desta visión na sua maioria por pertencer ao sector público, non son moitos deles conscientes de onde procede a xeración de riqueza que permite que puntualmente se lles ingrese a nómina todos os meses, pero tamén deberían decatarse senón, tarde ou cedo, tampouco haberá diñeiro para esas nóminas.