Para que un determinado sistema político funcione da forma máis correcta posible, segundo os seus parámetros teóricos, é necesario que na sociedade predominen unha serie de valores, un tipo de cultura necesaria para que ese sistema de os seus mellores froitos.

O sistema político do mundo occidental, o sistema que ten permitido aos homes alcanzar o maior nivel de riqueza de toda a historia da humanidade, a democracia liberal, é un sistema que require para a sua boa saude e pervivencia unha serie de valores entre a poboación, un dos máis importantes é o binomio liberdade-responsabilidade, este é un valor que no centro e norte de Europa e no mundo anglosaxon está fondamente arraigado.

O cidadán é libre pero sabe que esa liberdade vai acompañada da conseguinte responsabilidade para cun mesmo e cos demáis. Estamos a falar dunha liberdade autolimitada polos valores do individuo e non por un poder coercitivo externo ou do estado, un cidadán dinamarqués é case imposible que ande tirando pola xanela do seu veículo as colillas do seu cigarro e non polo medo que lle teña a unha multa, un español, sen embargo, é moito máis probable que o faga preferindo manchar a rua ou a estrada ou mesmo provocar un incendio antes que manchar o seu propio coche.

A debilidade do concepto responsabilidade na nosa sociedade é a que permite, por exemplo, que sexa moi raro ver unha demisión na nosa clase política, independentemente da gravidade do acontecido é moi pouco frecuente ver que se produza unha asunción de responsabilidades. A dereita conservadora española, que ás veces fala de liberalismo, é o mellor exemplo da debilidade da responsabilidade aquí e por tanto da debilidade dos verdadeiros valores liberais, o PP antes de asumir a responsabilidade polos seus numerosos casos de corrupción, busca infinidade de subterfuxios para non responder polos seus actos, que se son vítimas dunha persecución, que se foron manipulados por unha xente sen escrúpulos, etc.

O problema é que algúns dos seus votantes tampouco teñen claro nen o concepto de liberdade nen o de responsabilidade e non castigan a sua falta. E isto ten naturalmente o seu reflexo na sociedade, os políticos deshonestos non son castigados coa suficiente dureza nas urnas polo que perden un incentivo para ser responsables e honestos. Sen embargo, e para que a democracia funcione ben, “a culpa não pode morrer solteira” como costuman dicir os portugueses.

Grande parte das persoas que non castigan co seu voto aos políticos que saben que son deshonestos usan con frecuencia unha frase encamiñada a eximir aos políticos que non son honrados da sua responsabilidade, manchar aos que si o son e de paso quedar eles tamén libres de toda culpa, é unha frase máxica! : “todos son iguales”, quen isto di queda automaticamente absolto ante si mesmo de ter votado a alguén que sabe que actua de forma irresponsable e neglixente, no mellor dos casos, tamén consigue igualar ao culpable co inocente e simultaneamente xustificase a si mesmo para seguir votando ao mesmo, poucas frases son tan útiles para impedir que a nosa democracia madure e para incentivar a irresponsabilidade, a corrupción e a pobreza.

O deficiente funcionamento do estado de dereito español, onde moitos políticos deshonestos se poden seguir presentando as eleccións e gañándoas co apoio dos cidadáns que alcumarei “todosoniguales” non axuda precisamente a reforzar o valor da responsabilidade na esfera pública e tampouco na privada. Se os cidadáns non castigan a irresponsabilidade e o poder xudicial tampouco co tempo é probable que a famosa frase se convirta nalgo demasiado próximo á realidade. A falta de valores e de incentivos, porque ser responsable e honrado?, pensará por exemplo o alcalde da miña cidade, Antonio Feliciano Rocha.