Con motivo da celebración das vindeiras elecións europeas, acabamos de ser testemuña de dous debates televisados no Reino Unido entre os líderes dos liberais demócratas (Libdem) e o Partido da Independencia do Reino Unido (UKIP), Nick Clegg e Nigel Farage respectivamente.

Os dous debates xiran entorno ás opostas opinións de ambos partidos no que se refire á pertenza do Reino Unido á Unión Europea, frente ás opinións máis ambiguas ao respeito dos dous principais partidos do Reino Unido, os Conservadores e os Laboristas, tanto os Libdem como o UKIP manifestan opinións moi claras, pro pertenza á UE, o partido liderado polo viceprimeiro ministro, Nick Clegg e a favor da saida da UE, os de Nigel Farage.

 

Tratase dun debate cun interese que trascende ás illas británicas posto que reflicte duas correntes de opinión presentes en diversos graos en varios dos paises da UE, tanto nos ricos, onde partes, neste momento minoritarias da poboación, cren sair perxudicadas, como nos mediterraneos, onde correntes populistas nomeadamente de esquerdas, pero tamén de dereitas nalgún caso, responsabilizan á UE e ao pais máis influinte no seu seo, a Alemaña de Merkel, dos problemas económicos que están atravesando na beira do Mare Nostrum desde hai xa media ducia de anos.

 

É tamén un debate de especial interese intelectual para calquera liberal ou libertario, posto que non é doado identificar unha das posturas como a única liberal e a outra como claramente anti-liberal ainda que hai elementos, especialmente no discurso de Farage, tamén no de Clegg, que podemos calificar como contrarios ao liberalismo máis purista, nomeadamente, no caso do señor Farage, os tintes dun certo populismo nacionalista do seu discurso.

 

Calquera liberal teme a concentración de poder e neste sentido a tendencia cara unha unión política europea cada vez maior poderia moi ben acabar por representar unha seria ameaza ás liberdades individuais, non se nos pode escapar que son indefectiblemente os Estados máis grandes e poderosos os que con maior contundencia agreden a liberdade individual dos seus cidadáns e os que sempre acaban por albergar ambicións imperialistas de cara a outros pobos de menor tamaño, neste sentido, comparto este temor con Nigel Farage pero el faino de forma incoherente, xa que aplicando este mesmo esquema de pensamento deberia apoiar a secesión de Escocia e calquera outra secesión dentro do Reino Unido, cousa que non fai!.

 

É dicir, a Farage parecelle ben desmembrar a UE e mal desmembrar o RU, nen Edimburgo, nen Bruxelas, o poder para Londres, o que nos permite clasificalo como un nacionalista clásico e non como un libertario, xa que se for a concentración de poder o que se teme, e a liberdade o que se ama, todas as secesións deben ser aplaudidas e o dereito de secesión debe ser universalizable a calquera grupo humano que o reclame plebiscitariamente. Farage ten mencionado a Rothbard no Parlamento Europeo, no que é deputado, pero seguramente non teña lido o seu artigo “Nations by consent: decomposing the nation-state”

 

Outro elemento que alonxa a Farage do pensamento liberal e o achega ao nacionalismo de corte populista é un dos elementos centrais do seu discurso, o espantallo do “perigo da inmigración”,  o pensamento liberal defende a liberdade total de movimento das persoas, a eliminación de barreiras, pero con suxeición aos dereitos de propiedade e evitando imáns como a extensión xeralizada dos beneficios do estado de benestar, é dicir, a aplicación da máxima “liberdade e responsabilidade”, lonxe da hipocrisia socialista e estatista de pór concertinas nas fronteiras e despois pór o grito no ceo porque os inmigrantes ilegais poidan perder o aceso á sanidade.

 

Hai, porén, no discurso de Farage elementos cos que non me podo deixar de identificar, a crítica á mentalidade fortemente regulatoria e intervencionista que predomina en Europa e como consecuencia en Bruxelas, ante o silencio de Clegg, Nigel Farage critica á eurocracia bruxelense que ainda non sabemos que nos achega de positivo. Concordo coa crítica aos tics imperialistas que se ven no ánimo intervencionista en asuntos externos doutros Estados, mesmo apoiando de forma máis ou menos explícita rebelións contra gobernos, desde logo moi criticables, pero que contaban co referendo democrático das suas cidadanías, como en Ukraina e Exipto.

 

Acerta de cheo o representante do UKIP ao pór de manifesto a perda de competitividade do RU e da UE como consecuencia dos elevados custos enerxéticos que teñen a sua orixe na forte regulación medioambiental, os custos enerxéticos na UE duplican os dos EUA o que evidentemente ten repercusión moi forte en perda de competitividade e portanto en perda de poder adquisitivo e de emprego. Farage defende o fracking como alternativa enerxética e non podo deixar de concordar. Non é moi identificable co liberalismo sustraer do mercado e outorgar ao Estado mediante regulacións o camiño que debe seguir  a combinación de fontes enerxéticas que fornecen aos particulares e empresas, Clegg faino ao defender os subsidios ás renovábeis.

 

A UE ten un elemento moi positivo, a creación dun mercado común onde antes había mercados máis fragmentados, o fomento do comercio e a liberdade de movimento de todos os factores de produción através das fronteiras estatais non só é a fórmula comprovada para conquerir a maior prosperidade das persoas senón que tamén é a forma máis certa de protexerse contra o belicismo ao que acaba arrastrando a autarquía económica. Non obstante, e a medida que se poida ir producindo unha concentración de poder político ou a creación dun macro-estado europeo con enorme poder político o perigo para a liberdade e conseguintemente para a prosperidade é enorme.

 

Coido que se trabuca Clegg ao atribuirlle á pertenza á UE un peso decisivo á hora de atrair investimento externo, ceteris paribus axuda estar na UE para atrair capitais pero ollo, un Reino Unido ou unha Cataluña fóra da UE lograrian atrair máis investimento externo que na actualidade se eliminasen regulacións medioambientais, laborais e se baixasen fortemente os impostos. Por exemplo Irlanda atrae investimento fundamentalmente pola sua fiscalidade atraente e non pola sua pertenza á UE. Estar na UE non é garantia nen de éxito nen de fracaso, depende doutros factores, non temos máis que ver como a uns lles vai mal dentro (Grecia) e fóra da UE (Servia) e a outros moi ben dentro (Alemaña) ou fóra (Suiza e Noruega).

 

Por contraste con Ásia, o éxito histórico de Europa liderando á humanidade despois da Idade Media ten a sua orixe na sua fragmentación política e a sua relativa liberdade de movimento de mercadorias, capitais e persoas, este fenómeno está moi ben descrito na obra “The european miracle” de Eric L. Jones. O declive de Europa do que hoxe estamos a ser testemuñas producese porén nun contexto de burocratización, regulación e concentración de poder político.

 

En resumo e como regra xeral a miña opinión persoal é, si á UE como espazo de liberdade económica, non á UE como espazo burocrático e de concentración de poder político. Non obstante e dito o anterior tamén é verdade que dadas as peculiaridades dos paises mediterraneos; indisciplina, populismo, corrupción, irresponsabilidade, antiliberalismo, etc non alcanzo a ver as vantaxes para estes dunha saida da UE ou do Euro, onde a convivencia con (e certo sometemento a) paises máis disciplinados, liberais e responsables sempre achega unha maisvalia.