No pleno de organización que marcou o arranque do novo mandato municipal, aprovaronse, entre outras cousas, os salarios dalgúns membros do goberno municipal, entre eles o do alcalde e pese a que xa estou fóra da política municipal quixera facer un breve comentario, no devandito pleno aprovouse un aumento salarial do alcalde, desde os 45.150 € en vigor anteriormente  até os 47.000 € brutos anuais, que se reflicte en catorce pagas de 2.500€ netos mensuais aproximadamente.

Podo ser crítico con outras decisións tomadas  polo novo goberno como a redución na periodicidade dos plenos que indica un futuro de recortes en participación e transparencia ou como a aprovación da partida para o persoal de confianza do alcalde, que non debería ser necesario cun grupo municipal de oito concelleiros, como o que ten o PSOE, reforzados co único concelleiro de En Marea que lles da a maioría absoluta.

Non podo, porén, ser crítico co pequeno aumento salarial aprovado para o alcalde, ser alcalde comporta un enorme compromiso, unha dedicación exclusiva, non desde un punto de vista meramente nominal, senón literalmente, o fin de semana pasado despertoume dunha pracida sesta unha chamada do 112, ainda non actualizaran o teléfono e recibin unha chamada por un problema, pese ao fastidio do brusco despertar, sentín un alivio cando afirmei taxativamente que xa non era o alcalde.

 

O meu antecesor e sucesor na alcaldía de Tui, Enrique Cabaleiro e eu, no 2015, no debate eleitoral para nenos que organizara o Casino

 

A alcaldía implica unha dedicación de 24 horas ao día, 365 ao ano e cun nivel de responsabilidade altísimo, en última instancia o alcalde é responsable de case calquera cousa que pase no territorio municipal, e non ten parapetos ante calquera problema, non hai cortafogos, non é dicificil, que sen ter feito conscientemente nengunha falcatrua, o alcalde teña que pagar multas do seu peto, a min pasoume, o rexime local español atribuelle case todas as funcións cando algo corre mal. Se botamos contas do número de horas e do nivel de responsabilidade, 47.000€ é un salario que se queda máis ben escaso, ademais de non ser o maior salario do Concello, o que é bastante inxusto.

Na miña opinión debería haber menos políticos remunerados, España deberia pasar de 8.000 a 2.000 concellos e as deputacións deberianse suprimir e conseguintemente o gasto político debería recurtarse pero non a base de non pagarlles aos que están senón de reducir o número total de políticos e funcionarios. En definitiva acometer unha forte racionalización e simplificación administrativa. Aproveito para proporlle a Enrique Cabaleiro que tente a fusión municipal con Salceda, concello do que é natural o que lle daría moita máis forza para propolo.

Coido que os soldos públicos deberían organizarse de forma escalonada, e o presidente do goberno non debería gañar menos de 500.000 € e a partir dai en escala descendente o resto da estrutura dos cargos do Estado. Pretender ter unha clase política honrada, preparada, que non estea exclusivamente formada por funcionarios e ao mesmo tempo mal paga é outra das hipocrisias do sistema. Os Quixotes escasean.