No día de onte publiquei no meu facebook o seguinte comentario sobre o escrache ao que se viron sometidos os representantes de Ciudadanos no desfile do día do orgullo LGTBI que finalmente se viron obrigados a abandonar:

“Non sei porque cando os comunistas se comportan de modo similar aos fascistas hai que asemellalos a estes, dicindo que teñen comportamento fascista, etc, non é certo, teñen comportamentos comunistas, tan intolerantes e violentos como os fascistas. Os que impediron onte aos representantes de Ciudadanos (partido co que non simpatizo) participar na marcha do orgullo LGTBI non son fascistas, son comunistas e similares. Non se busca defender os direitos dos LGTB cando se reinvindica a un asasino de homosexuais, como o Ché Guevara, non se pretende defender os direitos de ninguén cando se busca estreitar a base do seu apoio expulsando a partidos dun desfile. Como sempre fixo e fai o marxismo político só se pretende instrumentalizar unha causa para impulsar intereses políticos partidistas fomentando e xustificando a violencia contra o discrepante.”

O meu artigo trata das causas públicas en xeral e da sua utilización política, non é o aqui o meu obxectivo, portanto, falar da relación do pensamento libertario co movimento LGTBI, pero para quen estea interesado deixo aceso, premendo na seguinte foto, a un artigo (en inglés) publicado ao respeito na revista americana Reason.

 

Levo anos observando como desde posturas políticas próximas ao marxismo se buscan causas, moitas das cales podo considerar como causas xustas, que defender, pero un dos elementos que preocupa particularmente aos marxistas é que ninguén lles dispute a capitalización política en exclusiva da defensa desa causa, a extrema esquerda actua co obxectivo de privatizar a defensa desas causas, en realidade a expulsión de Ciudadanos do desfile busca lograr que este partido non poida ser identificado con esa causa, o que obviamente lesiona a forza da propia causa ao estreitar a base do seu apoio, pero iso non é o que preocupa aos marxistas, senón a utilización política dese movimento reimvidicativo para obter rédito político da mesma, un rédito privativo, un rédito exclusivo, mesmo a custa de lesionar os dereitos do colectivo que din defender.

Todo o mundo ten dereito a pensar que alguén que aparece nunha manifestación non defende honestamente os intereses e/ou dereitos dese colectivo, ou mesmo que quere sumarse para utilizala politicamente sen que lle importe realmente a causa en si mesma. Vou pór un exemplo, durante os meses posteriores á explosión do almacén pirotécnico na parroquia de Paramos, no concello de Tui houbo momentos no que a implicación dos partidos da esquerda na resolución do problema era cando menos cuestionable, PSOE e BNG (Deputación de Pontevedra) e PSOE en solitario  (goberno central)  desde as institucións que gobernaban e En Marea (Podemos) na oposición na deputación ou no congreso, tiveron un grao de implicación entre nulo e mínimo, por ser moi moderados, sí que foron activos, pola contra, onde eran oposición, no Parlamento de Galicia, demostrando unha vez máis, que non é a causa o que importa, senón a posibilidade da sua utilización política para auto-fortalecerse ou desgastar ao adversario, como na Xunta gobernaba o PP, si que se demandaba agresivamente contra esa institución, mentres que as que eles gobernaban facían moi pouco.

A pregunta sería, que tería pasado se a Plataforma de Afectados da Explosión lle tivese advertido aos representantes do PSOE, BNG ou En Marea de que mellor que non se presentasen nas manifestacións porque non estaban facendo o que podían facer para axudalos desde as institucións que gobernaban?  imaxinemos, mesmo non estando de acordo con que os partidos da esquerda pasaron dos afectados e estaban esperando que todo fose mal para acabar co goberno local dese momento, que tería pasado se a Plataforma tivese expulsado das manifestacións aos representantes deses partidos?. Por certo, a min como alcalde, si que se me advertiu oficiosamente, a finais do 2018, cando o desentullo estaba en punto morto, que mellor que non aparecese na manifestación que finalmente foi desconvocada, ao aprobar o concello no pleno de decembro o crédito para avanzar co desentullo, ante a pasividade absoluta do goberno central. Coido que calquera exclusión ten que ver con intereses políticos e non cos intereses da causa.

Noutro asunto que infelizmente me tocou de perto, o acidente de tren de Angrois, no 2013, no que faleceu a miña nai Blanca Padín, na miña modesta achega entendín que tiñamos que buscar aliados para nosa causa e eses aliados, case os únicos posibles, estaban na extrema esquerda, advertin á dirección da Plataforma de que intentarian cooptar a Plataforma e usala ao seu servizo partidario, tamén entendín que non se podía nen se debía, desaproveitar esa axuda, e en particular a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo un moi bo labor en Bruxelas en apoio da causa das vítimas de Angrois, mentres que PP e PSOE sempre quixeron ocultar as causas do acidente porque os implicaba de forma directa, pero nada tería sido mais benvido que o seu apoio, que nunca se produciu. Neste caso tamén aplica o mesma, a defensa honesta dunha causa pasa por sumar todos os apoios, xamais por excluir a ninguén. Algún día contarei mais cousas deste asunto.

Agora póñome na pel dun activista, non me resulta dificil sendo un libertario, e trato de organizar unha manifestación ante as delegacións de facenda para protestar pola opresión e represión fiscal, e resulta que se suman o PP e Ciudadanos, clamando porque se pagan demasiados impostos, dicindo que Sánchez esta acabando cos autónomos que todo isto acabará cun empobrecemento xeneralizado do pais, etc. Poderiase pensar que hai unha tremenda hipocrisía no feito de que se sumen eses partidos, especialmente o PP, poderiase lembrar con certo enfado que o PP durante o periodo de Mariano Rajoy no goberno, especialmente entre 2011 e 2015, cumpriu o programa eleitoral que nas eleccións xerais do 2011 presentara, pero non precisamente o que presentara o PP, senón o de Izquierda Unida, con subas do IVA, do impostos de sociedades e subas progresivas do IRPF, cun marcado carácter socialdemócrata.

Deberían os convocantes da manifestación contra a represión e opresión fiscal dicirlle ao PP e a Cs que non fosen á manifestación, como as asociacións LGTBI fixeron con Cs no caso do desfile do orgullo?, desde logo que non, en ningún caso, primeiro porque a un libertario non se lle pasa pola cabeza a posibilidade de prohibirlle aos demais nada, coa única excepción da lexitima defensa ante actuacións que agredan a propia integridade, liberdade e propiedade. Pero vou mais alá, calquera activista honesto quere sumar a cantas mais persoas mellor á sua causa, mesmo pensando que hai unha forma diferente de ver as cousas nalgunhas delas, ou que algúns deles son hipócritas, o posicionamento público nunha manifestación sempre reforza esa idea, esa causa, a mera presenza dun partido nun acto destas características condiciona a sua actuación posterior ao respeito.

Desde unha perspectiva da honestidade e da fidelidade a un fin social ou político é moi dificil entender que se poida botar a alguén dunha manifestación pública de apoio a ese fin, a non ser que o que se busque non sexa apoiar esa causa senón utilizala privativamente para obter beneficios políticos, mesmo a custa de acabar por enfraquecela, que é o que pasou antes de onte en Madrid, os que montaron e aplaudiron o escrache debilitaron a causa das persoas LGTBI.

Para rematar vou resumir algúns dos argumentos que se utilizaron en contra da miña opinión verquida no facebook, practicamente todos son ataques ad hominem, ou a min ou a Inés Arrimadas, por ter ido ao devantido desfile, desde chamarme cuñado, até dicir que teño unha empanada, ou que alguén me suplantou no facebook, ou que é absurdo o meu argumento, iso si, sen dicir porque é absurdo, en resumo, unha desoladora falta de argumentos.

E en relación á señora Arrimadas e ao partido Ciudadanos escribiuse que son uns “jetas” que foron alí a provocar, é moi típico dos individuos con mentalidade totalitaria, sexan comunistas, fascistas ou nazis, responsabilizar ao agredido da agresión. Mesmo sendo certo que alguén vai a provocar, o mellor sen dúbida é ignorar ao provocador, nunca agredilo. Todo este asunto desde logo a quen non favoreceu é á causa das persoas LGTB, en todo caso si que puido favorecer os intereses políticos dalgúns dos partidos que participaron, dunha ou doutra forma na polémica, PSOE e Podemos, xustificando as agresións e Ciudadanos denunciandoas e logrando un protagonismo moi superior ao que tería tido en circunstancias normais. Logrando que mesmo persoas que coincidimos en pouco con Cs saisemos na sua defensa, que neste caso é a defensa da liberdade, poder ir á manifa que a un lle pete de forma individual ou organizada nun grupo é unha liberdade fundamental, olliño aos marxistas, non só quererán restrinxir esta liberdade.