Explicar porqué vamos apoiar a investidura de candidato do PSOE á alcaldía de Tui é relativamente sinxelo, as razóns son as que expresamos na campaña e que, como é natural, mantemos, o PP en Tui merece perder o poder, de feito, mereceo desde hai tempo, e desde C21 temos claro que non podemos consentir nen por acción nen por omisión que o señor Rocha volte a ser alcalde, como o PP é a forza máis votada no conxunto do concello, calquera candidato alternativo ten que reunir o apoio dunha maioría absoluta de concelleiros, polo que non nos podemos manter á marxe e vamos votar afirmativamente a investidura do candidato socialista como alcalde.

Este voto afirmativo non é un sí á esquerda, é un sí ao cambio e un non ao PP de Rocha e ás suas marcas brancas, e non porque nos sintamos máis próximos da esquerda, sentímonos igualmente lonxe de esquerda e dereita, senón porque despois de 17 anos de gobernos corruptos, ineficientes, incompetentes e enfocados exclusivamente á defensa de intereses de parte o PP merece pasar unha temporadiña na sombra, entendemos o goberno que se vai configurar desde a esquerda como un mal menor, non nos sentimos próximos a eles na forma de concebir a sociedade nen a política, e o modelo de xestión local é claramente diferente do que propugnamos desde C21, pero o concello en Tui precisa urxentemente dun cambio e os votantes non nos puxeron a nós na posición de poder lideralo, ainda que sí de facilitalo co noso apoio na investidura.

O sí á investidura de Cabaleiro non conleva condicións, controlaremos como oposición o que teñamos que controlar, pero agardo que se nos recoñeza a nosa xenerosidade e altura de miras ao non pór condicións, de feito poderíamos ter condicionado o noso sí á investidura a unha serie de políticas públicas ou ao formato do propio goberno, pero entendemos que neste momento tiñamos que actuar con xenerosidade e non pór máis pedras no camiño dun goberno que ao estar conformado por catro partidos diferentes xa vai ter dificultades no seu entendimento interno.

Fomos a terceira forza máis votada no concello e a segunda no casco urbano, poderíamos negociar co PSOE a primeira tenencia de alcaldía e un par de concellerías con peso político ou mesmo tratar de negociar co PP a obtención da alcaldía para C21, pero a nosa moralidade e a nosa responsabilidade impídenolo.  Aspiramos a gobernar o noso querido Tui, pero cando se dean as circunstancias para poder facelo desde o respeito aos nosos votantes, desde a posibilidade de aplicar os nosos principios, desde a moralidade e sen condicionantes que nos impidan aplicar o noso modelo de xestión.

Sería inmoral negociar agora co PP, outra cousa podería chegar a ser cun PP limpo e renovado no futuro, ao que lle poderíamos chegar a propor que fose o socio menor nunha coalición de goberno con nós, os liberais podemos chegar a pactar con esquerda e dereita e C21 acaba de demostrar que ten opcións de ser un actor destacado no futuro político de Tui. En relación ao PP, oxalá saiban renovarse e pechar definitivamente a negra etapa de Tui que eles protagonizaron desde 1998 a 2015, se non o fan pasarán moitos anos sen voltar a tocar poder, desde C21 encargarémonos de pecharlle o acceso sempre que os votantes nos sigan honrando coa mesma ou máis confianza da que obtivemos nestas eleccións.

Desde C21 non accedimos á petición expresada polo señor Cabaleiro, de integrarnos nun goberno con PSOE, BNG, ATT e ST. É unha cuestión de principios e de responsabilidade a que nos leva a tomar esta determinación; en primeiro lugar,  nun goberno conformado maioritariamente por partidos de esquerdas encontraríamonos desubicados e non teriamos nengunha posibilidade de que o noso criterio prevalecese, nos cremos no protagonismo da sociedade civil e dos individuos, na baixada de impostos, na desburocratización, na redución da intervención pública, etc, enfoque que a esquerda non comparte. Precisamente por esas diverxencias de criterio seríamos un factor de desestabilización ao non compartir moitas medidas que a esquerda considera pertinentes e necesarias.

Como estamos en política para traballar por un Tui próspero e non para buscar un postiño podemos e debemos tomar a decisión de rexeitar neste momento os postos que poderíamos ocupar no goberno local. Tendo en conta que se nos acusa aos políticos de estar en política para buscar postos e diñeiro pois espero que a renuncia que fai C21 sexa ben valorada, sería o colmo da hipocrisia acusar aos políticos de buscadores de rendas e cando uns políticos rexeitan esas rendas ainda por riba criticalos.

O poder en canto se sinte cómodo comeza a abusar, é un comportamento consustancial á natureza humana, o noso obxectivo neste mandato é facer un labor de oposición responsable e contructiva pero tamén incisiva cando sexa necesario, para que haxa un bo goberno ten que haber unha boa oposición e se C21 entrase no goberno o concello de Tui quedaría sen oposición xa que o PP e as suas marcas brancas (CT e APT) non teñen vocación, nen capacidade para facer unha boa oposición, por non falar da sua falta de lexitimidade, Rocha, Manuel González e Sousa formaron parte moitos anos dos gobernos da era Rocha-Moises polo que a sua lexitimidade para facer agora oposición é case nula. Portanto de non quedarse C21 na oposición non habería durante os vindeiros catros anos un control ao labor do goberno medianamente efectivo.

E que ninguén se leve a engano, sen oposición calquera goberno acaba abusando do seu poder, tamén a esquerda, por moita supremacia moral que eles se autoatribuan. Abrimos unha nova etapa esperanzadora para Tui, unha etapa que non tería sido posible sen o concurso de C21. Sorte ao novo goberno.