O pasado xoves tivemos a oportunidade de asistir ao primeiro pleno, despois do da constitución do mesmo, do Concello de Tui. Parece claro que vai ser un mandato de continuidade, probablemente o último de Rocha, e dunha maneira de facer política que debe, definivamente quedar ubicada no pasado e canto mais pretérito mellor.

No que se refire aos aliñamentos dos grupos o T.U.I. continua a ser a incognita, ou polo menos iso van pretender eles, manter unha ambiguidade calculada entre o Rochismo e a oposición, vaille ser mui complicado manter esa ambiguidade durante todo o mandato, e en todo caso esa ambiguidade supón o seu definitivo certificado de defunción política, a mesma ambiguidade que o levou ao fracaso na campaña quere mantela agora nos catro anos de mandato, é moi libre de facelo pero os réditos políticos para as próximas municipais van ser ben poucos, non se consigue atraer a ninguén coa indefinición, hai que mollarse, nun sentido ou noutro e moito mais cando estamos a falar de dar un posible apoio baixo corda a un alcalde indefendible, en fin, no pecado seguirá levando a penitencia, ígual que Tui, o seu “pecado” de apoiar a alguén como Rocha seguirá sendo a sua penitencia a traves do seu anquilosamento social e económico, ainda que ben pensado só unha sociedade anquilosada e nada dinámica pode apoiar a alguén como Rocha polo que poida que este, sendo consciente disto, esté interesado, ademais de en que o casco vello caia a pedazos, en que Tui non adquira un dinamismo que acelere a sua perda de control.

Do outro lado hai unha especie de Bloque Opositor Tudense (en diante BOT), formado por AT, PSOE (o PSdeG non existe) e BNG. A política fai extraños compañeiros de cama e o único que une a Capón cos grupos de esquerda non é mais que un necesario e perfectamente xustificable antirochismo. No pleno viuse claramente que Nani non quere formar parte deste BOT. Botase en falta por parte do BOT unha oposición con moita mais carga política, cando Rocha di “non vamos entrar en debate” habería que telo atacado con dureza, e logo, ¿para que está o pleno?, Rocha é un elemento cunha cultura política antediluviana autoritaria e rexeita o debate e moito mais a crítica por iso mesmo, cando tiña maioria absoluta os plenos eran cada dous meses e pola mañá para que non houbese debate e para que si o habia ninguén se enteirase. O debate e o intercambio de ideas é saudable para a democracia e a sociedade pero cando alguén está en política por ánimo de lucro non lle interesa someter as suas ideas a debate, ¿que ideas pode ter Rocha mais alá de recalificacións e negocios urbanisticos feitos á sombra do poder municipal?.

Rocha é unha persoa intelixente, sen nengunha formación nen cultura pero mui intelixente, o lamentable é que use esa intelixencia para facerlle mal a Tui e aumentar espectacularmente as suas contas correntes a costa do resto da cidadania, é moi intelixente especialmente desde o punto de vista emocional, cando algún opositor actua de modo constructivo e moderado tratao ben, intenta concederlle algún tipo de favor, como por exemplo estudar esa proposta, etc. Isto é un engaña bobos, un político antidemocrático e corrupto como Rocha non pode ser enfrentado cunha oposición tranquila como si aqui non pasase nada, vamos ver se o BOT se decata disto e comeza a facer unha oposición incisiva. O BNG comezou moi brandiño chegando Lano a falar do talante ZP de Rocha, o PSOE deu algo mais de caña pero especialmente a Diz Guedes, e non conven desviar o enfoque, é moi fácil cebarse agora con Nani, despois do seu fracaso, pero con quen de verdade hai que cebarse é co goberno municipal. Ademais atancando ao Goberno, tamén se ataca ao T.U.I. na medida en que estes apoien ao goberno.

Estivo acertado o portavoz do PSOE cando puxo de relevo a continuidade que se producia nas dedicacións exclusivas reseñando especialmente a de urbanismo para Prada, despois dunha xestión completamente fracasada a decisión do alcalde é ratificar no posto ao delegado de Urbanismo. A contia das dedicacións non chama especialmente a atención, 1900 euros brutos ao mes para os dous concellais con dedicación e 1600 para a media dedicación do Alcalde, é sen dúbida bastante mais do que estas persoas conseguirían gañar no mercado laboral libre por conta allea pero son cantidades razoables, inferiores, por exemplo ás dedicacións dos concelleiros do BNG e do PSOE en Tomiño. Só que no caso de Tui temos unha dúbida, ¿é esta a sua única fonte de ingresos relacionada coa actividade política?, é vox populi que non.

Por último tamén vimos o papel de mulleres floreiro que para o PP teñen as suas concelleiras non depositando nelas nengunha confianza nen delegación política de relevancia acorde cos postos que ocuparon nas listas, vamos ver se estas asumen ese papel asignado de mulleres floreiro ou reinvidican maior protagonismo, non me extrañaría nada que o tránsfuga Sousa estivese presionando para que algunha delas demita e entrar el de novo como concelleiro.