Onte achegueime polo pleno no concello de Tui, o asunto de mais relevancia política que se ia debatir era a cesión dos terrenos traseiros da Área Panorámica á Consellería de Sanidade para a construcción dun novo ambulatorio. A única intervención crítica foi a de José Manuel González número dous do T.U.I. partido máis coñecido para muitos como “LA ALTERNATIVA”, José Manuel criticou a ubicación baseándose, sobre todo, en que os accesos ao lugar non eran nada bos en caso dunha urxencia, especialmente en dia de feira, os xoves. O alcalde defendeu que ao estar céntrica muitos tudenses se poderían achegar a pé e non en vehículo supondo isto unha comodidade para muitos cidadáns. O PP, Acción Tudense e PSOE votaron a favor, o BNG abstívose e o T.U.I votou en contra. Resulta chamativo que cando “LA ALTERNATIVA” vota en contra dunha proposta do PP é precisamente cando ao PP non lle fan falta eses votos, ¿será por casualidade?.

No debate deste asunto voltouse a por de manifesto o baixísimo perfil político da oposición no Concello, ninguén aproveitou para criticar o retraso de muitos anos co que se busca unha ubicación ao ambulatorio, nin falar do empeñado que estaba o PP en que se comprase un terreno ao lado do actual ambulatorio para facer unha ampliación, nen de responsabilizar diso a Rocha, que lembremos que é alcalde desde o ano 98, ninguén aproveita para reprochar ao Partido Polpular que ese terreno leve feito un lamazal todo o seu periodo no goberno municipal, e que o Concello sega sen ningún tipo de planificación urbanística por culpa de que os nosos gobernantes teñen intereses lucrativos vinculados ao urbanismo e por tanto non ceden ás peticións da Consellería para sacar adiante o Plan Xeral. Un asunto que se presta como poucos para por en cuestión a desastrosa xestión urbanística do PP, sáldase cun debate sobre si as ambulancias van tardar muito en pasar polas lombas de Casal Aboy, así nos loce o pelo.

O alcalde ten completamente dominados psíquicamente ao seus rivais, procura tratalos formalmente ben, chamaos polo nome de pila, é amable con eles, iso si, si se comportan como cordeiros degolados e non lle plantexan ningún prolema, en canto algún pretende facer un ataque minimamente consistente ameaza con retirarlle a palabra.

Carmen, a número dous do BNG, sacou a colación uns problemas en Areas coa nova vía rápida e mencionou un problema bastante grave, que o acceso ao Polígono de Areas era unha estrada parroquial e que isto supuña un grave estrangulamento para o Polígono e para os viciños especialmente agora coa abertura do Outlet. Outro asunto para poder atacar ao Alcalde pola sua corresponsabilidade na absoluta falta de planificación que supón esta chapuza de que sexa unha estrada dunha parroquia a que da acceso a un polígono, algo realmente terceiromundista e que permitiria un ataque forte e completamente merecido contra o alcalde que tampuco se produciu.

Despois do asunto de Areas mencionaronse polo Alcalde algúns problemas relacionados con expropiacións en Guillarei debidos ao paso do AVE Vigo-Porto, o PSOE dixo que Antón Louro, deputado dese partido e presidente da mesa de Infraestructuras no Congreso se pasaría a falar cos afectados en Guillarei, ¿tera algo que ver a proximidade das eleccións?. O PSOE tamén propuxo que o aparellador municipal José María Melero non continuase despois dos 65 anos para deixarlle o paso a alguen mais novo, o único argumento a favor desta renovación foi que esta medida podería paliar o desemprego, o voceiro nesta ocasión do PSOE, o seu número dous recordoulle tres ou catro veces, cunha sumisión e un servilismo absoluto ao Alcalde que él era o que tiña a potestade nesa decisión.

Laureano, do BNG no turno de rogos e preguntas sacou un par de cuestións de relevancia política, unha é que a numeración dos decretos tiña saltos no vacio, o que significa ou erros administrativos ou o que seria pior, ocultación de documentos, a resposta de Antonio Feliciano Fernández Rocha foi encollerse de hombros e isto pareceulle ben ao representante do Bloque que pediu humildemente e por favor que se tentase solucionar, nun tema onde xa se podía ter mordido en oso atacando a falta de transparencia e orden do goberno o Alcalde saiu, como sempre, de rositas. O mesmo grupo preguntou despois polos problemas do PP, Rocha respondeu que era católico e que, polo tanto, perdoaba aos seus compañeiros e engadiu que estes eran problemas internos do Grupo Popular e quen non ia responder a mais preguntas sobre o asunto, aquí a oposición tampouco aproveitou para recordarlle a todo o mundo que os “problemas internos do PP” perxudican e levan muito tempo perxudicando ao noso municipio e que cesar a dous concelleiros é un problema de Tui, non só un “problema interno do PP”, unha oportunidade perdida máis para deslexitimar ao partido político que leva vinte anos (desde que Diz Guedes propuxo a Capón para alcalde no seo do PP en 1989) sumido en “problemas internos” que están facendo que Tui esmoreza social e economicamente e que Tui non pode seguir outros vinte anos perdendo o tempo por culpa dos “problemas internos do PP”.

¿E que foi de Miguel Capón?, missing, perdido en combate e desexando voltar ao partido que o humillou xa en varias ocasións, só dixo que él tamén era católico e que para perdónar, o Catecismo del Padre Astete, que se lle ensinaba aos rapaces no franquismo, pedia catro requisitos. Esa nota de cultura xeral non compensa un silencio complice de quen se presta a negociar con calquera, sempre que sexa do PP, supoño que esta era outra norma do mesmo catecismo.