Cando o ano 2016 toca ao seu fin e tras ano e medio de exercicio do poder polo novo goberno municipal xa podemos facer valoracións sen temor a estar xulgando sen información, ainda que sempre dentro da subxectividade humana, claro está. A decepción que sentimos en C21 a respeito do novo goberno, o mesmo cuxo alcalde nos apoiamos incondicionalmente na investidura é profunda e fácilmente argumentable.
Pero queremos comezar deixando claro e afirmando algo que todo o mundo puido comprobar nos plenos do que levamos de mandato, a oposición en xeral, e C21 en particular, foi tremendamente moderada, construtiva e responsable, como o alcalde recoñece en privado, se a este factor lle sumamos que o goberno está en minoría, ao contar con 8 concelleiros, frente a 9 da oposición, as condicións estaban servidas para que o goberno estivese especialmente agradecido e tivese un comportamento de luva branca connosco, moi especialmente con quen o apoiamos na investidura, renunciando naquela altura a calquera intento por asumir cotas de poder.
Lonxe diso encontrámonos un goberno que non está á altura nen no fondo nen nas formas, é verdade que o goberno non é un todo, hai atitudes mais receptivas, nomeadamente as que proveñen do BNG e de AT, pero desde o partido que lidera o goberno e ocupa praticamente todo o núcleo de poder municipal (alcaldía, urbanismo, facenda, persoal, tráfico, obras, etc), é dicir, o PSOE e desde o da agrupación máis pequena do goberno, Son de Tui, só nos temos encontrado con prepotencia e ataques, incrible pero certo, atacar a unha formación, como C21, que te apoiou na investidura e que está a facer un labor no concello moderado e construtivo.
No que se refire ás formas estamos ante un paso atrás con respecto ao exalcalde Moises Rodríguez, que mantivo sempre as formas ante unha oposición moito máis dura que a actual e que foi moi flexible nas intervencións do público nos rogos e preguntas, tendo en conta que contaba con maioria absoluta e podería terse permitido maiores restriccións neste sentido. O Enrique Cabaleiro rigoroso, tranquilo e serio da oposición virou nun alcalde con frecuentes tics autoritarios e que non dubidou en realizar ataques persoais, ao noso voceiro chegoulle a dicir que era éticamente o pior dos 17 membros da corporación, en varias ocasións cortou ás persoas do público de forma claramente prematura e incluso nalgunha cuestión non lles respostou á pregunta ou rogo formulado.
O concelleiro de Son de Tui chegou a chamar xenófobo ao noso voceiro por levar unha proposta precisamente para que as fronteiras europeas seguisen abertas. Toda a responsabilidade demostrada por C21 foi pagada con ataques mesmo de índole persoal totalmente inxustificados, se este é o comportamento dun goberno en minoría e fraco pola sua propia configuración multipartita como sería un goberno de un ou de dous partidos integrado por exemplo polo PSOE e polas Mareas de Podemos, formación da que parece estar próximo o concelleiro eleito por Son de Tui?
Desde o inicio do mandato transmitimos ao alcalde que como partido liberal tiñamos moitas dificultades para nos integrar nun goberno de esquerdas pero que estábamos dispostos a ser o socio externo que o goberno precisaba para sacar os asuntos importantes adiante, entre eles, os orzamentos, tentamos negociar con eles os orzamentos do 2016, só lles pedíamos para votar favorablemente a implementación dun punto do noso programa eleitoral, a supresión do imposto da plusvalía que representaba unha restricción orzamentaria de menos dun 1%, non aceptaron e preferiron pactar con outro grupo da oposición.
O dos orzamentos é o caso máis claro, pero a consigna foi sempre a mesma, a C21 nen auga, e nos temos o dereito a nos preguntar, nen auga ao grupo que renunciando a outras saidas te apoia na investidura sen condicións?, o desagradecemento e a falta de visión política teñen en Tui o nome de PSOE e de Son de Tui. Sairon adiante propostas nosas co apoio do resto da oposición, pero o alcalde non as implementou porque non eran competencia plenaria, eran propostas que custaba moi pouco implementar, a colocación dun cronómetro que marcase o tempo desde que o concello quedou sen débeda e as consultas populares con carácter potestativo e non vinculante a través da web. Onde quedou o famoso talante zapateril? No que levamos de mandato non houbo nen un só xesto político en positivo.
Que dicir do balance de xestión, pois hai de todo, o listón deixado neste terreno por Moises Rodrígez estaba moi baixo, e probablemente en liñas xerais estemos ante un goberno que mellorou na xestión dalgunhas áreas, o urbanismo segue sen funcionar, pero faino un pouco mellor que no anterior mandato, parece que vai adiante a abertura da rua Ourense co apoio responsable da oposición, algo longo tempo agardado, facenda segue nunha liña continuista, con reparos case idénticos do interventor aos que facía no anterior mandato.
Vislumbrase a orientación socialista, cando poidan encontrarémonos cun forte aumento de gasto público, de persoal no concello, de subvencións clientelares e por suposto de impostos para financiar o anterior, C21 evitou, en colaboración co resto da oposición, a suba do IBI, deportes funciona moito pior, o concelleiro do ramo está actuando con nepotismo, improvisación, desorganización e o que é pior, con arbitrariedade, desatando unha caza de bruxas contra o Clube Remo do Miño por considerar que non son da sua corda, Nicolás Montes foi mellor concelleiro do ramo, razoable a xestión en Cultura ainda que nos parece excesivo os máis de 80.000 euros gastados en San Telmo, co PP gastabase menos de 20.000.
Tráfico toma unhas decisións incomprensibles ás que non se lles ve praticamente beneficio algún, como o acontecido en Riomuiños, e despois mostra unha teimosía moi difícil de explicar. O novo capataz de obras, colocado a dedo polo alcalde, desautoriza ao concelleiro de Medio Rural. Os concelleiros do BNG son humildes e dialogantes e actúan de boa fé, un acerto a sinalización do casco histórico, os feitos da xestión ainda se fan agardar, están maniatados e maltratados por quen controla o goberno, e parece que se someten sen chistar.
En definitiva un goberno con claroescuros que no global puntua un pouco máis alto que o goberno de Moises en xestión e bastante máis baixo que no que se refire ás formas. Se tivese que darlle unha puntuación de 0 a 10, daría ao goberno de Cabaleiro unha puntación de 3 en formas e tamén de 3 en xestión e ao de Moises, un 6 en formas e un 0 ou 1 en xestión. É dicir o desempeño na xestión é moi mellorable e nas formas foron a pior.
Postas así as cousas é obvio que C21 non ten ningún incentivo, nen polo ben de Tui nen coa implementación do noso programa en mente, para estar interesados en que este goberno continue. Ao mesmo tempo non esquecemos a nosa promesa eleitoral, debémonos aos nosos eleitores, algúns con tendencia de esquerdas, posiblemente a maioria próximos á dereita, pero todos eles votaron cambio, este goberno non está representando un cambio especialmente significativo.
Nalgunhas cousas fomos a pior e non debemos obviar o risco dun PSOE todopoderoso que se sinta xa ás suas anchas para abusar de poder, é algo a ter moi en conta especialmente para unha formación liberal como C21, xa que as liñas orientadoras da acción socialistas son opostas ás nosas, pero tamén é verdade que voltar á situación previa, co protagonismo de quen ocupou o poder no periodo 1991-2015 tampouco sería un cambio en positivo, hai practica unanimidade social en Tui, mesmo entre os votantes deses partidos, que o periodo 1991-2015 foi un periodo, na máis benevolente das visións, desaproveitado por Tui e no que perdemos posicións e prosperidade en relación a Porriño, Salceda ou Tomiño.
Que facer entón?, permitir que se consolide un goberno socialista prepotente, con tendencia, ao gasto, ás subas de impostos e á creación de redes clientelares no máis puro estilo andaluz o que acentuaría o noso declive, queremos iso para Tui? Obviamente nós abominamos diso pero tampouco vamos facer algo que contradiga o que prometimos nas eleccións a respeito da política de pactos, só encontramos portanto un camiño, difícil e complicado.
Só vemos unha ruta viable, que nun xesto de xenerosidade e de altura de miras as persoas que no PP e partidos satélite ocuparon postos de responsabilidade entre 1991 e 2015 den un paso ao lado, deixen correr as listas de cada un dos seus partidos e renoven o elenco de concelleiros, nese caso C21 estaría encantado de negociar con eles a formación dun goberno alternativo, os partidos liberais poden falar e pactar con todo o mundo salvo os populismos de extrema esquerda ou extrema dereita, pero é tamén verdade que para a implementación do programa liberal (baixada de impostos, desburocratización, eficiencia na xestión, neutralidade da administración, atracción de investimento privado, devolución do poder á sociedade civil) é máis factible através dun pacto cun centro-dereita renovado.
Todos os concelleiros eleitos teñen o dereito a seguir no concello pero pedimos con humildade ao PP e os partidos da sua órbita que se renoven, e ofrecémonos a participar con eles nun cambio decisivo nun momento crucial, do que pase nos vindeiros meses, depende moito do que pase nas próximas duas décadas en Tui, non podemos perder máis trens, compre travar o declive de Tui.