Porqué sería unha desfeita integrarse na Área Metropolitana de Vigo e porén, sí que lle interesa a Tui apostar pola Área Metropolitana Internacional Tui-Valença.

Continuo neste mes de agosto escribindo posicionamentos baseados no pasado, pero que poderán ser relevantes no futuro, como me vou dedicar a outras cousas, quero que o meu blog sexa o meu portavoz no futuro en asuntos de grande relevancia, e o da posible entrada de Tui na Área Metropolitana de Vigo é un deses asuntos de crucial importancia, que de producirse, acabaría con Tui convertido nunha “entidade local menor”.

O PSOE de Tui, como todos os partidos de todos os concellos do sur da división administrativa que coñecemos como provincia de Pontevedra, salvo C21, se teñen pronunciado favorablemente á entrada na A.M. de Vigo, nós en Tui fomos capaces de frenar un primeiro intento en setembro do 2016, convencendo ao resto de partidos da oposición para votar en contra, o daquela alcalde, Enrique Cabaleiro retirouno da orde do día para evitar unha derrota sonada.

Os socialistas teñen agora maioría para levalo adiante, ademais unha diferenza de calquera partido dos representados no Concello de Tui á respeito de C21 é a sua total falta de independencia a respeito das xerarquias dos seus respectivos partidos, un desexo de Abel Caballero ou Carmela Silva, será executado en Tui sen rosmar, por moi lesivo que poida ser para a prosperidade de Tui, por iso considero fundamental advertir do perigo aos tudenses.

C21 foi a única voz que se opuxo, non só en Tui, senón en todas as comarcas do sur da provincia, á integración na Área Metropolitana de Vigo, convencendo daquela, ao resto da oposición municipal, e evitando un gravísimo erro histórico que nos convertiría, de facto, nalgo moi semellante a unha entidade local menor de Vigo.

A existencia dunha potente realidade económica e humana chamada Área Metropolitana de Vigo é unha evidencia que ninguén pretende negar e que ten moitas cousas positivas para Tui, sen ir mais lonxe, permitir que moitas persoas que traballan en Porriño ou en Vigo vivan en Tui, pero unha cousa é esa realidade económica innegable e beneficiosa, e outra moi distinta é participar dunha especie de nova deputación de Vigo, porque aqui do que estamos falando é da creación dunha pseudo-deputación de Vigo financiada polos concellos en detrimentos dos seus orzamentos propios.

A Area Metropolitana é unha nova administración que só achega ineficiencia xa que crea unha nova estrutura, que suporía unha carga adicional para os contribuintes de Tui sen xerar emprego en Tui, senón en Vigo. Os contribuintes de Tui financiariamos unha estrutura que, non nos enganemos, estará baixo absoluto control do concello de Vigo, calquera que se moleste en ler a lei da Área Metropolitana, poderá constatalo. A A.M. estará ao servizo dos intereses do concello de Vigo e do seu gobernante de turno, e ainda que é innegable que a Area Metropolitana é unha realidade económica, trasladala ao ámbito político non achega eficiencia por ningún lado, calquera beneficio en economias de escala será absorbido polos custos fixos administrativos e políticos que Tui tería que financiar en función da sua poboación.

Desde un punto de vista político e administrativo a integración na A.M. supón pasar a ser un barrio de Vigo, cun forte aumento da carga fiscal que se faría inevitable. Entrar na AM sería un erro histórico, xa que iniciariamos o proceso de igualación fiscal con Vigo, e igualación á alza para poder financiar os servizos da AM. Compre lembrar que Vigo poderá aprovar calquera decisión na AM co apoio de tan só tres concellos, poderá portanto tomar decisións lesivas para Tui financiadas con diñeiro dos tudenses con absoluta comodidade.

Hai incluso quen defendeu a conveniencia da conexión de toda a Área Metropolitana ao suministro de auga de Vigo o que no marco da AM implicaría automaticamente pasar a estar sometidos ao réxime tarifario do abastecemento en alta dos encoros de Eiras e Zamáns, o que implicaría unha forte subida do recibo da auga. Poderiamos acabar metidos nunha situación rocambolesca, na que o encoro de Eiras fóra alimentado desde o rio Miño e que lonxe de receber calquera tipo de compensación tivesemos que pagar un sobreprezo dentro da Área Metropolitana de Vigo.

Un estudo de viabilidade feito pola Universidade de Vigo, xa no 2010, fixaba o custo da AM entre os 73,7 e 81,2 millóns de Euros, nun plantexamento inicial que non incluia aos concellos do Baixo Miño. A primeira Área Metropolitana que funcionou en España, a de Barcelona, tivo un orzamento para 2018 de 684,6 millóns, tendo en conta a diferenza de poboación entre as suas Áreas, 3.239.337 habitantes (AM de Barcelona) e 478.508 habitantes (AM de Vigo), co mesmo orzamento por habitante o orzamento da AM de Vigo ascendería a 101,03 millóns, se o Baixo Miño acabase integrado na AM de Vigo, Tui representaria aproximadamente o 3% da poboación da AM, toda vez que esta se financiaria integramente polos concellos membros e de maneira proporcional segundo fixa a lei reguladora, o noso Concello tería que achegar uns tres millóns de €, se temos en conta que o orzamento total do Concello de Tui é, tan só, de pouco mais de 8 millóns, entrar na AM deixarianos xa totalmente incapacitados, como administracion local con autonomía para facer o que mais lle convén a Tui.

Xa hoxe en día, con oito millóns de orzamento, Tui é incapaz de facer as cousas como as fai Valença, que ten para o 2019 un orzamento de 20,8 millóns de €, calquera se pode decatar, de que con só cinco millóns de orzamento (o que nos quedaría de entrar na A.M. de Vigo) o Concello de Tui quedaría totalmente incapacitado. En vez de seguir o camiño certo, o de suprimir as deputacións para que o diñeiro chegue ao territorio, simplificando o aparello administrativo, o que pretenden facer é crear outra deputación mais, neste caso de Vigo. Verdadeiramente inaceptable.

Foto de amplo reportaxe que o Jornal de Noticias fixo sobre a Eurocidade Tui-Valença

Ate tal punto están previstas as dificultades dos concellos en pagar a sua pertenza á Area que a propia lei contempla a confiscación por parte da AM das axudas non finalistas da Xunta que vaian destinadas aos concellos en caso de que estes teñan débedas coa A.M.; un verdadeiro despropósito do que nunca deberíamos participar.

Sen embargo a cooperación institucional pode ser boa pero hai que saber escoller, Tui debe aspira a ser centro da sua propia Area Metropolitana internacional, que xa existe e chámase Eurocidade Tui-Valença, esa ten que ser a nosa aposta, de relación en termos de igualdade con Valença, dunha eurocidade que debe desde a humildade, pero tamén desde a ambición, evitar a subordinación a outros intereses e competir pola atracción de actividade económica, de visitantes e de investimentos. Medios portugueses de ámbito nacional fixeronse eco desta proposta.

Durante o meu periodo na alcaldía, se exceptuarmos a atención suscitada por un motivo desgrazado, como o da traxedia de Paramos, eu como alcalde, fun máis veces entrevistado por televisións portuguesas de ámbito nacional que pola TVG, por non mencionar as TVs de ámbito nacional español, non esquezamos que Portugal é moito máis pequeno que España pero moito mais grande que Galicia, isto para min é indicativo da relavancia que o fenómeno da eurocidade ten en Portugal e a singularidade tan especial que iso lle da a Tui, ahi Tui ten outro recurso a nivel de “marca cidade” que ofrece moitas posibilidades de desenvolvimento, os medios españois só ollaron para Tui para o malo, os medios portugueses entrevistaronme case sempre para ocasións festivas, como a cabalgata internacional, ou polo interese que desperta a eurocidade, o que obviamente é moito máis interesante para a nosa cidade. Reportaxe no Jornal de Noticias sobre a eurocidade

Os meus fillos (de costas), coa directora da Escola Infantil da Santa Casa da Misericordia en Valença do Minho (Foto Jornal de Noticias)

O futuro pasa por coordenar cada vez máis accións conxuntas con Valença, a axenda deportiva xa o está, temos que artellar un cartón cidadán que dea aceso aos Eurocidadáns aos servizos das duas beiras do rio, mellorar na coordenación da promoción turística, con Valença non hai subordinación de ninguén, hai sinerxias beneficiosas para todos. Na Eurocidade somos centro, non satélite, ese é o camiño, e non só centro da Eurocidade senón tamén centro neurálxico da eurorexión Galicia-Norte de Portugal, a superación progresiva da fronteira convértenos en centro e desde logo, desde a modestia do Concello de Tui deberiase apoiar e alimentar esa tendencia.


Cara do folleto que o grupo municipal de C21 elaborou e repartiu no 2016.
Parte de atrás do folleto que o grupo municipal de C21 elaborou e repartiu no 2016.