NOTA DE PRENSA DE CONVERXENCIA XXI DE TUI:

O secretario xeral de Converxencia XXI e candidato a alcalde de Tui, Carlos V. Padín, lamentou onte a “nova paralización do urbanismo tudense”, e responsabilizou dela o equipo de goberno municipal, pola súa torpeza, incapacidade de xestión e gañas de usar o urbanismo do noso concello para proveito das empresas das que o alcalde é apoderado.

Ante o recurso de reposición presentado pola asociación cultural Arcebispo Lago, Converxencia XXI quere afirmar con rotundidade que “Quen ten a culpa non é quen esixe cumprir a lei, senón quen fai todo o posible por enganar, saltar a lei e saltar o procedemento no seu beneficio persoal. E nunca mellor dito o de beneficio persoal”, asegura Carlos V. Padín.

Padín asegura que, de chegar a formar parte do goberno de Tui, Converxencia XXI procurará solventar de forma prioritaria as carencias detectadas no PXOM en 2004, que seguen sen ser subsanadas. “O concello ten paralizado o urbanismo de Tui porque a Xunta, con toda a razón, sinalou deficiencias de calado no seu día. E dende entón xa pasaron sete anos e o concello non foi capaz de amañalas”, ainda que o conselleiro Hernández, atendendo a intereses do seu partido, tomase a decisión de aprobalo parcialmente, sinalou Carlos V. Padín.

Para Padín, o plan actual de urbanismo “está deseñado para o desenvolvemento dos negocios do alcalde e non para o desenvolvemento urbano de Tui”. “De feito”, engade o alcaldable converxente, “o PXOM aprobado limita moitísimo a edificabilidade no rural para aumentala nos terreos das promotoras das que o alcalde é apoderado”. Para Converxencia XXI, que se presenta por primeira vez ás eleccións en Tui, o importante é conseguir un PXOM que respecte a legalidade, e que favoreza o desenvolvemento social e urbano de Tui, e non dunha promotora en concreto.