Dentro do “Plan integral de rebaixa fiscal para o concello de Tui” que estamos elaborando en Converxencia 21 compre distinguir o tratamento que corresponde darlle ás taxas e aos impostos, as primeiras corresponden á prestación dun servizo e portanto deben cubrir o seu custo, sería irresponsable rebaixar unha taxa se non cubre o custo do servizo, sen embargo corresponde ao gogerno local buscar fórmulas para rebaixar o custo do servizo para poder rebaixar a correspondente taxa.

Neste post voume centrar na taxa do lixo, o concello de Tui recada trimestralmente polo lixo arredor dos 190.000 €, se o multiplicamos por catro a recadación anual aproximada ronda os 760.000 €, O ano pasado Tui entregou en Sogama arredor das 5.100 toneladas de lixo, e Sogama cobra aos concellos 73,90 € (IVE incluido) por tonelada a partir de xaneiro deste ano, isto quer dicir que 5100×73,90=376.890 € é o custo de enviar os residuos a Sogama, a isto hai que engadir o custo do persoal e medios da recollida de lixo para que, coa taxa actual teriamos disponible 760.000-376.890=383.110 € para pagarlle aos empregados que recollen o lixo e dotalos de medios, o que debería ser máis que suficiente, os camións cos que conta o concello son bastante antigos e están xa amortizados.

Mesmo entregando ese mesmo número de toneladas, debería ser viable unha rebaixa da taxa, e desde logo hai que pór o acento na diminución das toneladas que se envian a Sogama para poder facer unha rebaixa sustancial da taxa do lixo, e obviamente para enviar menos lixo a Sogama compre apostar fortemente pola reciclaxe, de forma moito máis abranxente, hai que lograr que se recicle máis logrando que máis familias o fagan e que o fagan separando máis o lixo e compre premiar a esas familias e empresas cunha rebaixa da taxa.

Hai que ter en conta que os residuos reciclados non só implican un aforro, ao diminuir o peso do que enviamos a Sogama, senón que poden mesmo chegar a significar unha fonte de ingresos xa que os residuos convenientemente separados adquiren un valor do que carecen cando están mixturados. Compre negociar con empresas do sector a entrega destes residuos para tratar de xerar un ingreso que sería repercutido aos contribuintes via rebaixa da taxa.

Dous tercios da poboación do noso concello vive en vivendas unifamiliares polo que a extensión da compostaxe dos residuos orgánicos para o seu uso como fertilizante ten que ser unha vía a explorar ao máximo, estimase que os residuos orgánicos representan arredor do 50% do peso do total do lixo, aquelas casas que non entreguen residuos orgánicos deben pagar menos, tamén é posible negociar a colocación de contentores para biomasa para evitar que acaben depositados no lixo, hai empresas que os colocan gratuitamente a cambio de levarse despois a biomasa que é  materia prima para os seus produtos.

Desde logo é un tema complexo e compre deseñar un sistema coñecendo a fondo todas as alternativas pero é obvio que hai moita marxe para mellorar a xestión do servizo e reducir moi significativamente a taxa que pagamos.