Esta crise económica convertida nunha verdadeira depresión ten un componente que fai que o dano que está a facer se agrave terriblemente, pode parecer unha obviedade pero penso que non se lle está a dar a importancia merecida ao factor da duración da crise, que xa vai para os seis anos.

 

Desde un punto de vista económico a prolongación da crise, do endebedamento, das subas de impostos e do desemprego están debilitando ás familias e ás empresas ata uns extremos que ademais de ser preocupantes hoxe poden traer nefastas consecuencias políticas mañá, e isto que está acontecendo no sul de Europa é consecuencia da estratexia seguida polos gobernos deses paises desde o inicio da crise, consistente en negala verbalmente no inicio e despois en tratar de impedir as suas consecuencias através da acción do Estado, através das políticas keynesianas de estímulo e de tratar de manter o gasto público a base de endebedamento e de subidas de impostos.

 

A débeda e as subas de impostos foi a opción escollida nos paises mediterraneos, pero non era a única opción disponible, había polo menos outra opción, a que adoptaron as repúblicas bálticas, que asumiron a crise e non trataron de impedir o reaxuste desde o Estado, senón que acompañaron desde o Estado o reaxuste que o mercado comezaría a facer de forma automática para compensar os desequilibrios xerados pola expansión crediticia creada pola Banca Central, no caso europeo, o BCE, lembremos, organo monopolístico que fixa o prezo, a calidade e a cantidade de diñeiro disponible e por tanto un organo claramente alleo ao funcionamento do que seria un mercado libre de oferta monetaria.

 

Pois ben, os bálticos foron austeros, especialmente Estonia, e os paises do sul non foron austeros; tan sinxelo como isto, xa que aumentaron a ritmos moi elevádos a sua débeda e iso pese a implementar subidas de impostos masivas entre as que destacaría o do goberno español do PP que no 2012 subíu ou creou vintesete impostos, o gráfico fala con claridade ao podermos comparar a percentaxe de débeda pública sobre o PIB de tres estado do sul (Italia, España e Portugal) e das tres repúblicas bálticas desde o comezo da crise, este gráfico mostra para quen o queira ver a crua realidade da inexistente austeridade dos paises do Meditarraneo, que xa partian no inicio da crise dun maior nivel de débeda e que desde o 2008 non fixeron máis que incrementala a un alto ritmo nun absoluto exercicio de irresponsabilidade.

Débeda governamental como percentaxe do PIB 2008-2012. Fonte Eurostat

 

Seguro que os dogmáticos do keynesianismo e do estatismo dirán que non é compatible austeridade con crecemento e con creación de emprego, é unha lástima (para eles) que os datos desmintan esa tese, os bálticos con verdadeira austeridade absorben o impacto da crise nun par de anos (2008-2009), é certo que o shock é moi forte, pero actuando na dirección e no momento adecuado logran pasar a cifras de crecemento xa no 2010 e con claridade aboluta no 2011 e sucesivos mentres que os paises do sul siguen languidecendo esperando a que o seu enfoque estatista e antimercado de gasto público, impostos e endebedamento dé uns resultados positivos que non acaban de chegar.

Evolución do PIB Bálticos VS Mediterraneos 2008-2013. Fonte Eurostat

 

E que podemos dicir en relación ao mantra repetido até a saciedade neste País de que austeridade e creación de emprego non son compatibles?, pois ben, parece que os datos demostran unha correlación exactamente no sentido contrario, e que o que non resulta compatible é a falta de austeridade que pratican o estados do sul coa creación de emprego, entre outras cousas, porque o Estado absorve grandísima parte do aforro disponible impedindo que as empresas se financien en boas condicións. No seguinte gráfico evolución dos datos de desemprego comparando máis unha vez aos mesmos paises, os datos son teimosos, os Estados que non se endebedan ao tolo son os que permiten ao sector privado crear emprego, contribuindo á sua vez ao equilibrio das contas públicas sen subas de impostos e sen débeda.

Evolución desemprego Bálticos VS Mediterraneos 2008-Feb 2013. Fonte Eurostat

 

Compre entender que a lei económica non pode ser domeñada pola política, por moito que eu convoque unha asemblea familiar na que se aprove por unanimidade deixar de pagar a hipoteca, o incumprimento dos contratos e dos compromisos libremente adquiridos non se pode acordar unilateralmente, cando se producen desaxustes o único que se pode e se debe facer é non pór impedimentos para que os reaxustes subseguintes e inevitables se produzan, se o que realmente queremos é evitar que unha crise provocada polos bancos centrais se convirta nunha depresión de imprevisibles consecuencias políticas e económicas.

 

Os bálticos saben moi ben o que é unha econonomía planificada, a que os mantivo na pobreza ate hai algo máis de vinte anos, e tamén saben que é o capitalismo o sistema económico que lles está permitindo progresar a pasos axigantados desde que se libraron do xugo da economía planificada sovietica, no sul de Europa as ideas anticapitalistas son dominantes no conxunto da sociedade, notandose pouca diferenza entre esquerda e dereita a este respeito, mentres o liberalismo é unha doutrina demonizada e con escasos apoios, segundo un recente estudio da Fundación BBVA no que se compara a dez paises da UE, España é o máis anticapitalista de todos eles, esa é a raiz dos nosos problemas, a mentalidade anticapitalista, antiliberal, estatista, amiguista e antimeritocrática.

 

Pero non se preocupen seguiremos escoitando aos apóstolos do malgasto dicindo duas enormes falsedades; que os paises do sul estamos sendo moi austeros e que os nosos problemas de falta de crecemento e de falta de xeración de emprego son debidos a esa suposta austeridade. E eu preguntome que futuro ten un Pais onde semellante patraña se repite como se fose lei unha e outra vez e con moi pouca oposición?  cara onde vai unha sociedade que basea as suas decisións e opinións nunha falsedade maiúscula?.