O outro día decidín ver o programa “Tengo una pregunta para usted” de TVE, ademais de ser eu alguén bastante politizado este é un formato que me atrae especialmente xa que a espontaneidade e audacia dalgún participante pode chegar a meter nun aperto ao líder de turno, cousa que nunha entrevista xornalística normal en España é máis ben complicado, o que non acontece, por pór un exemplo, en Portugal ou no Reino Unido, onde os xornalistas son verdadeiramente incisivos nas entrevistas, como no Hard Talk da BBC onde, como o seu nome indica, o xornalista non anda con díxomes díxomes.

Pois ben, o convidado do outro día no programa da TVE era o noso paisano Mariano Rajoy Brey, aínda que non puiden tirar conclusións nada claras, por exemplo, de cales son as políticas públicas que o seu partido propón para contribuír desde as institucións do estado a saír da grave crise pola que atravesamos, si houbo unha pregunta que me fixo, por fin, entender todo o posicionamento lingüístico do líder do Partido Popular, e por ende, do seu partido. Un participante preguntoulle a Rajoy se sabía falar inglés, e a reposta foi negativa, ¡resulta que Rajoy non sabe falar inglés!, segundo el, porque na súa época o que se estudaba era o francés, o intrépido participante non quedou por aí e inquiriu ao presidente do PP se cría que sin saber inglés ía ser capaz de representar a España adecuadamente nos foros internacionais, o entrevistado non mostrou nin o máis mínimo asomo de vergoña ou de propósito da enmenda.

Eu sempre crera, ata ese fatídico día, que Rajoy fora practicamente o único deputado da historia do Parlamento de Galicia que nunca falara galego porque simplemente desprezaba a nosa lingua, pero agora doume conta que estaba nun erro, e todo se debe a que na súa época o que se estudaba era o castelán, o problema de Rajoy co galego resulta que é que non o sabe falar, hai que ver o mal pensado que son.

Parece que, ao menos, desde o punto de vista lingüístico, quen aspira a presidir España e quen supoño que aspirará a representar ao estado en todos os foros internacionais, non evoluiu nadiña desde que ía ao instituto. Rajoy cando acabou o instituto foi á Universidade onde estudou dereito, ao rematar a carreira preparou as oposicións para Rexistrador da Propiedade, que segundo os entendidos é unha das oposicións máis complicadas, o noso protagonista pasou esta difícil proba con tan só vintecatro anos, polo que hai dúas cousas que lle teremos que presupor, a capacidade memorística e a de traballo.

Para aprender calquera cousa dúas son as condicións necesarias: capacidade e interese, Rajoy tiña interese en ser rexistrador, pero parece que non tiña nin ten un interese nin parecido nas linguas, ao menos, en ningunha lingua que non sexa o español, venme á mente o caso do andaluz José Montilla que preside a Generalitat e toma clases de catalán a diario, é un exemplo dun home con pouco tempo, como Rajoy, pero que si ten interese en aprender algo que considera imprescindible para o exercicio do seu cargo.

Voltando ao programa da tele e vendo a cantidade de veces que usou os termos nación, patriotismo, mesmo con frases como; “España es una gran nación” e outras similares podemos facer unha análise psicolingüística para averiguar cal é a fonte desa desmotivación para non estudar idiomas, todo apunta na mesma dirección: a súa ideoloxía. ¿Non pode ser que a falta de interese de Rajoy por ampliar a súa capacidade de intercomunicación na casa e fora non teña algo que ver coa súa ideoloxía españolista ou nacionalista española?, ¿non pode ser a cerrazón e falta de horizontes desa ideoloxía a que provoque que Rajoy aspire a ser o único presidente do goberno ou primeiro ministro dun estado da UE que non saiba inglés?, ¿non era esa ideoloxía a que informaba os contidos educativos na “época” de Rajoy?, ¿e a que ordenou a dobraxe de todas as películas para evitar a contaminación dos españois coas linguas estranxeiras como literalmente rezaba o correspondente decreto da ditadura?.

E é que o españolismo non só rexeita as linguas domésticas que non son o castelán, acabamos vendo que tamén rexeita, aínda que dunha forma máis disimulada, as linguas que máis poden facilitar a intercomunicación a nivel internacional e que, no seu foro interno, consideran competencia da súa lingua nacional, o español. O estado español pecha todas as clasificacións da UE no que a dominio de linguas foráneas se refire e a pauta repítese; Suárez, Felipe González, Aznar, Zapatero non sabían inglés cando ocuparon ou ocupan o cargo de presidentes e Rajoy quere ser presidente no 2012 sin saber inglés. Que contraste con Arzalluz e Pujol, de xeracións similares ou anteriores que saben falar inglés, francés, alemán, español e vasco nun caso e catalán no outro, ¿quen é o cerrado?, ¿quen é o falto de miras?, ¿quen é o que ve fronteiras en todas partes?.

Lémbrome da famosa nena de Rajoy da última campaña das xerais, seguro que o seu peor pesadelo seria que esa nena falase galego, e poida que non tivese moito interese en que falase inglés, a min gustaríame que se algún día teño unha nena fale galego con naturalidade e sin complexo de parecer “un gallego profundo” termo acuñado polo secretario de Relacións Internacionais do PP Jorge Moragas, e que ademais saiba falar español e inglés, isto se non ten moito interese polas linguas, porque son dos que creo que o ensino obrigatorio galego ten que garantir o dominio universal destas tres linguas para que no futuro a nosa cidadanía teña a liberdade real de escoller en que idioma quere expresarse na casa e fora, algo que ao españolismo nunca lle preocupou, ¿non señor Feijóo?.