(Pedinlle unhas fotos a Chico Bugarín para ilustrar o artigo e tivo a amabilidade de cedermas)

Leva unha temporadiña apetecéndome opinar sobre algúns temas públicos que afectan ao concello do que fun alcalde durante un breve periodo, menos de 20 meses. O que me ía retendo a non facelo é que non quería que se interpretase de ningunha maneira o meu interese en voltar a ser un actor político en Tui. Os cidadáns decidiron que esa etapa finalizase e non ten volta.

Só unha opinión persoal

Teño moitos defeitos pero non son masoquista, non só fun o alcalde menos votado da historia democrática de Tui, senón que probablemente tamén de Galicia, ainda que teño máis que facer que comprobalo, pero dubido que algún alcalde en exercicio obtivese tan só un concelleiro. Isto non o digo para dar lástima, estou encantado coa miña nova situación, pero quero lembralo no momento que vou opinar sobre un asunto de Tui.

Tampouco opino porque teña unha dependencia económica do que lle aconteza a Tui, menos do 2% da facturación que leva o meu proxecto como emprendedor, bodegas.bio foi a clientes de Tui. Se opino é porque, a pesar de todo, sígolle tendo cariño a Tui, vivo aqui, os meus fillos son daqui e non me gustaría que lle fose mal a Tui.

A miña opinión é só a miña opinión, o resultado das eleccións nen sequera me deixou unha certa lexitimidade como ex-alcalde, e por suposto tampouco represento a C21, moi ben representada neste momento en Tui por José Manuel Palacín e a nivel galego por Xaime Requeixo. Palacín non concorda con algunha das opinións miñas a este respeito, por exemplo, non está de acordo en que debe haber unha zona azul de pago, pero é el a quen corresponde marcar con absoluta autonomía a liña de C21 Tui.

Por tanto esta é unha opinión única e exclusivamente persoal dun cidadán. Unha cousa que sempre tiven clara é que non vou opinar en clave de crítica a ninguén, sería absurdo, os cidadáns deron un apoio esmagante ao novo governo e criticalo pola miña parte creo que carece de sentido. Opinarei e se algo achego estupendo e senón, pois nada, quédome igualmente tranquilo.

Unha vez aclarado o contexto no que vou dar a miña opinión, alá vou. Non sou eu inimigo radical das peonalizacións, o contexto das últimas décadas en moitas cidades monumentais indica que as peonalizacións foron favorables en coadxuvar á sua revitalización, é un tema complexo no que eu non son experto, pero en liñas xerais coido que teñen máis de positivo que de negativo.

O centro de Tui alónxase do río

O que sí creo é que non todos os contextos urbanos e económicos son iguais e que a implementación das peonalizacións debe ter en conta isto. Tui ten unha configuración particular que debe ser tida moi en conta, o conxunto monumental está pegado ao río e cun desnivel importante con respeito ao centro da cidade. É dicir, o conxunto monumental ten dous factores que o illan do resto da cidade, só ten contacto por un lado co centro, non está portanto rodeado de zonas máis modernas e dinámicas, como noutros lugares e ademais hai un problema de accesibilidade (adicional ao de todos os conxuntos históricos da estreitez das rúas) derivado do desnivel.

A rúa central de Tui no medievo era a rua Cuenca, as ruas que hoxe vemos mortas e con moitas casas en estado ruinoso era rúas cheas de vida e de actividade comercial. O crecemento da cidade non se podía dar cara o río, senón alonxándose do mesmo, polo que a expansión urbana foi facendo que o centro se alonxase do río, e se fose desprazando cara arriba, no século XIX a arteria principal de Tui xa era a corredoira.

Non son historiador nen o pretendo e quizá cometa algunha imprecisión, só fago a anterior descripción para reflexionar sobre o desprazamento do centro da cidade cada vez mais lonxe do río e cada vez mais lonxe do conxunto monumental. A apertura da rua Ourense supón un novo paso nese camiño, cando se complete a apertura cara o norte, o eixo vertebrador de Tui pasará a ser a Rúa Ourense e a Corredoira pasará a ser unha rúa periférica, non tan periférica como a Rua Cuenca, obviamente, pero sí que deixará de ser unha rua central, vertebradora da cidade.

O desexable crecemento e modernización fan que aproveitando o ensanche realizado na década de 1980 sexa lóxico que a Rua Ourense se convirta na avenida moderna que vertebra a cidade. Nós conseguimos abrila en ano e medio despois de décadas de espera, obviamente non estamos en contra da relevancia que esa rúa está adquirindo. Cal é a cuestión entón? pois que temos que ser conscientes das repercusións que isto ten para que as decisions que se tomen non sexan lesivas para a parte que fai importante a Tui, o conxunto monumental e o río.

Consciente dese dilema impulsei durante o meu breve mandato o Concurso de ideas para a reordenación da frente fluvial do río Miño, porque reactivar o río non é só importante en si mesmo, senón que lle confire un caracter mais central ao conxunto monumental. O meu obxectivo con ese Concurso era abrir Tui ao río, se o río ocupa un espazo maior na vida dos tudenses e visitantes o conxunto monumental, pola sua proximidade ao río, gaña tamén protagonismo e modula o alonxamento do río do centro urbano. Evitando un simple corrimento de actividade en dirección oposta ao río e logrando unha ampliación da zona dinámica.

A Corredoira moi fermosa, pero tristemente deserta, un día deste outono. Fotos cedidas por Chico Bugarín.

Se vemos as cousas con perspectiva histórica e observamos o degradadas que están as zonas do conxunto monumental máis alonxadas do centro, coa excepción parcial da fachada ao río da rúa Cuenca (polas espectaculares vistas das casas). Podemos adiviñar que un proceso similar pode acabar afectando á Corredoira no prazo de poucas décadas se perde a sua actividade económica, se perde o seu comercio e a sua hostelería agora.

Peonalizacións sí, pero non así.

Exactamente o mesmo é aplicable ás zonas do conxunto monumental que ainda conservan vida económica; Ordóñez, rúa Seixas, a Porta da Pía e as prazas do Concello e de San Fernando. Se como consecuencia do contexto económico derivado da pandemia e da decisión de peonalizar a Corredoira morre a actividade económica no paseo e nas rúas antes mencionadas seguirá unha maior degradación urbana desas zonas.

Algo tamén ouvin da pretensión de trasladar unha parte do Concello e outros servizos administrativos cara a praza da Inmaculada, isto tamén acentuaría a degradación do conxunto monumental. Seguro que o goberno local terá boas razóns, pero non entendo como se peonaliza unha zona (a Corredoira), deixando unha zona sen peonalizar (Ordóñez) xusto no medio de zonas peonalizadas.

Non debemos esquecer que para que as peonalizacions funcionen debe haber aparcamento abundante (non necesariamente gratuito, eu sempre defendin unha zona azul moi barata, pero de pago, a gratuidade leva ao abuso) na periferia da zona peonalizada, porque senón a xente non pode chegar á zona peonal con comodidade e acaba por non ir.

Estou de acordo con algunhas das decisións do actual goberno pero estou en franco desacordo co momento de tomalas. Eu son favorable a peonalizar primeiro a Rúa Ordóñez e despois a Corredoira, pero desde logo non agora cando en paralelo estamos coa pandemia e outros factores que tamén afectan como o traslado do mercado. Paréceme ben o que se fixo en González Besada pero coido que foi precipitado xerando ademais un certo cacao circulatorio o que tampouco suma neste momento. A rotondiña tan criticada favoreceu moito a fluidez do tránsito e coa modificación perdeuse esa fluidez gañada.

Que faría eu?.

A pandemia creou unha treboada perfecta para o comercio e sobre todo, para a hostelería, fun autónomo antes de ser alcalde e sono agora despois de ser alcalde e podo porme na sua pel. Coido que os gobernantes deben tratar de paliar a treboada, non reforzar a treboada coas suas decisións. As subvencións non resolven nada e tamén saen do peto dos contribuintes, entre eles os comerciantes. Eu creo que é moito mellor facilitar que os autónomos e as PEMES se poidan gañar a vida sen deberlle favores a ningúen.

Primeiro habería que resolver o problema do aparcamento, eu comezara xestions para facer un con 140 prazas na traseira do seminario en superficie, cun investimento mínimo, patrimonio viao con bos ollos, estivemos visitando o lugar con técnicos e desde o seminario tamén se simpatiza coa idea. Habería que ver tamén posibilidades de montar outro aparcamento no entorno do Piñeiro – Arrabal e de ser posible algo máis arriba.

Opino que na medida do posible hai que dotar aparcamento en abundancia en toda a periferia do conxunto monumental antes de peonalizar. Recuaría neste momento na peonalización da Corredoira porque se se produce unha quebra masiva de todos eses negocios quizá nunca volvamos a ver esa zona con actividade económica, é moito o que está en xogo.

Non me parecen criticables as decisións do goberno, sí me parecería gravemente irresponsable non rectificar cando se está vendo moi ás claras o resultado da implementación dalgunha desas medidas. Os gobernantes non teñen porque ter dotes adiviñatorias, pero ante as evidencias deben actuar. O sustento de vinte ou trinta familias é moi importante de por sí e suficiente motivo para rectificar pero é que ademais estamos quizá ante un punto de non retorno na degradación urbanística da Corredoira, con todo o que iso implica.

Unha aperta querid@s lectores.