“Todos son iguais”; esta é unha frase que pronuncian non poucas persoas na nosa sociedade, son as persoas que cren que todos os políticos somos iguais, e somos todos malos, xa que non coñezo a ninguén que cando isto di se refira a que todos os políticos somos moi bos, competentes e honrados. Debo confesar que é unha frase que me parece profundamente inxusta e arbitraria porque creo nunha obviedade, que sen embargo non está clara para algúns, como que na política, como en calquera outra actividade humana, hai persoas de todo tipo, honrados e corruptos, competentes e incompetentes. Igualar a todo un colectivo por abaixo é verdadeiramente inaceptable, igualar ao inocente co culpable é unha das cousas máis inxustas que se poidan imaxinar e sen embargo hai cidadáns que o fan, pero porque o fan?.

En primeiro lugar encontrámonos cunha realidade determinada, a de moitos elementos da clase política que a cidadanía percibe, con razón, como corruptos. Transparencia Internacional, a prestixiosa ONG que se empeña na loita global contra a corrupción emite varios informes todos os anos, no Índice de Percepcións da Corrupción de 2009 inclue a España no posto trixésimo segundo (32) dos paises menos corruptos, os que encabezan tamén este ranking son os mesmos paises que encabezan os índices de liberdade de prensa ou de independencia xudicial – nos que España está ainda pior clasificada – ; Nova Celanda, paises do norte de Europa, Canada, etc, mentres España aparece detrás de estados como Uruguai, os Emiratos Arabes Unidos ou San Vicente e as Granadinas.

Por tanto hai unha realidade obxectiva sobre a que se sustenta a percepción dun elevado grao de corrupción, e esta non é unha realidade inventada por nengunha mente calenturienta, sen embargo, isto non xustifica en absoluto que haxa quen extenda a presunción de culpabilidade a todos os políticos coa gravísima acusación de que “todos son iguais” a absolutamente toda a clase política dun determinado País. Para Transparencia Internacional corrupción é definida, nun sentido operacional, como o abuso do poder, confiado polos electores, para o beneficio privado. Pasando a un exemplo local e cercano, o alcalde de Tui, Antonio Feliciano Fdez. Rocha usa e abusa do poder que lle confire o poder político para fins que non teñen nada que ver coa persecución do progreso do noso concello.

E claro, que o concello de Tui cobrase o 3 de decembro no 2007 da Xunta 43.118, 70 euros para a rehabilitación da Casa Escola de Randufe e que a 14 de setembro do 2010 non se rehabilitase ese lugar nen se dese nengunha explicación, como se pode ver no blogue da Asociación de Viciños desa Parroquia, é un problema, que o cerramento do campo de atletismo da Macoca fose adxudicado en 197.000 € cando o seu custo real segundo o xerador de prezos da Xunta non pasa dos 57.000 € é outro problema, e que isto poida ser a punta do iceberg dunha trama que usa o noso concello como plataforma é un problema ainda maior, e isto, queridos lectores, non é un problema só para min, como candidato á alcaldía de Converxencia XXI nas vindeiras eleccións municipais na moi nobre e moi leal cidade de Tui, senón que o é para todos e cada un dos cidadáns desta vella e fermosa cidade.

E claro, cun panorama como este que lle digan a un que é igual ao señor Rocha, pois que queren que lles diga….é como se o Tide F.C. vai xogar ao Bernabéu contra o Real Madrid co árbitro en contra, con medio equipo lesionado e sen descansar. Os conservadores tudenses e doutros sitios, a falta de argumentos obxectivos que apoien unha xestión nefasta ou uns logros inexistentes no goberno municipal só teñen unha saida para evitar unha confrontación de ideas e unha confrontación de feitos na que sempre sairian perdendo, esa saida é moi sinxela á vez que perversa e carente de escrúpulos, consiste en enmerdar aos demais, suxar aos limpos, como non hai argumentos para defenderse só se pode atacar, os creadores da mensaxe do “todos son iguais” cren que quedan absoltos ante si mesmos de ter votado a alguén que sabe que actua de forma irresponsable e neglixente, como mínimo, tamén pretenden igualar ao culpable co inocente e lograr que as persoas con espírito crítico non voten e simultaneamente xustificarse a si mesmos para seguir votando a quen mal goberna, poucas frases son tan útiles para impedir que a nosa democracia madure e para incentivar a irresponsabilidade, a corrupción e a pobreza.

A orixe do “todos son iguales” non é inocente, é unha táctica de comunicación manipuladora, propia de quen non ten argumentos nen logros para esgrimir e propia de quen non é demócrata, pero unha táctica de comunicación ao fin e ao cabo. A orixe desa propaganda manipuladora está clara, pero despois son moitos os que a reproducen sen mala intención, sen mala fé, simplemente porque o acabaron crendo así, como dicia o señor Goebbels, ministro nazi de propaganda “Si contas unha mentira o suficientemente grande e repitela con insistencia, a xente acabará crendo que é a maior das verdades”.

Lamento moito decepcionar aos que cren que eu son igual ao señor Rocha e que Converxencia XXI é igual ao PP e como o movemento demostrase andando e non só falando ou escribindo e visto que hai algúns que aplican, por interese ou por inxenuidade, a presunción de culpabilidade e non a de inocencia, aproveito para anunciar que se formo parte dun goberno local en Tui farei un declaración persoal e pública de bens, ademáis diso Converxencia XXI adoptou na sua última executiva que as suas contas serán públicas e aparecerán na nosa web á disposición de todos os cidadáns que as queiran consultar. Estas son duas cousas que os señores do PP non fixeron nen farán, que apostamos a que non somos iguais?.